Skip to main content
SociedadeXermade

Roteiros da Carba presenta na V Invernada de Cine de Cabreiros o documental ‘Un paseo pola vida’

Por 3 Decembro, 2017Sin comentarios

Roteiros da Carba e Seres Producciones presentaron en Cabreiros o documental ‘Un paseo pola vida’.

Felicita de Lousada, Felicitas de Momán, Julia de Roupar, Elda de Roupar, Marisa de Xermade e Manuela de Roupar (recentemente falecida) protagonizan o documental “Un paseo pola vida” impulsado pola asociación cultural Roteiros da Carba por iniciativa de Manuela Vilaboy Romero co obxectivo de dar visibilidade á muller xermadina e as profesións que elas levaban a cabo: tecelás, costureiras, parteiras, lavandeiras, curandeiras…

O audiovisual realizado por Seres Producciones contou con estudante xermadesa de Comunicación Audiovisual Laura Canto e Rubén Veiga, técnico superior en Realización e Produción audiovisual; ademais de colaboración do xornalista vilalbés Baruk Domínguez como encargado da entrevista ás mulleres participantes. Todos eles, xunto a Manuela Vilaboy e Antonio Riveira, presidente da asociación Roteiros da Carba, participaban na presentación do documental o sábado 2 de decembro en Cabreiros durante a V Invernada de Cine.

Este traballo “feito en Xermade por xente de Xermade” forma parte do proxecto “Xermade con voz propia” que ten como obxectivo promover a memoria colectiva arredor dos traballos que facían as mulleres no noso concello e comprende tamén un calendario fotográfico con distintas xeracións de mulleres xermadinas contando un anaco da súa historia e unha xornada -a modo de revista oral- onde varias xeracións de mulleres nos falen sobre situación de vida en común, as diferenzas de como as vivían fai uns anos e como se viven a día de hoxe as mesmas situacións.

Roteiros da Carba agradece á Asociación de Veciños de Cabreiros por ter contado con este proxecto, así coma aos realizadores do proxecto, á Deputación de Lugo polo seu financiamento e ás familias e ás propias mulleres protagonistas. De feito, durante o acto quixeron lembrar especialmente a Manuela de Roupar que participaba no documental días antes do seu pasamento.

Manuela Vilaboy defende que se trata “dunha fermosa peza interxeracional, feita por xente xoven con xente maior, na que a aprendizaxe foi mutua”.