Skip to main content
Actualidade

Deputación, USC e UDC, primeiras institucións en España que ofrecen compensacións económicas polo desenvolvemento sostible do rural

Por 14 Decembro, 2017Sin comentarios

O Salón de Actos da Deputación acollía presentación do Life in Commom Land.

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois, e o Adxunto ao Vicerreitor de Política Científica da Universidade da Coruña, Horacio Naveira Fachal, xunto ao Deputado de Cooperación cos Concellos e Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, presentaron este xoves o Life in Commom Land.

Trátase do proxecto que elaborou a Deputación, coa colaboración da USC e da UDC, para demostrar que é compatible o desenvolvemento socioeconómico e sostible de zonas rurais de especial protección, que contan con restricións lexislativas en canto o seu emprego, aproveitamento ou coidado.

O organismo provincial presentouno á Unión Europea acadando 1,4 millóns de fondos comunitarios. Ampliouse a súa dotación económica aos 2 millóns cunha achega de 212.000 euros da Deputación, 198.000 euros da USC e 100.000 da UDC.

Levarase a cabo na Serra do Xistral, nun espazo de 5.000 hectáreas, que abrangue os Concellos de Abadín, Muras, O Valadouro, Ourol e Viveiro. Farase coa participación directas dos propietarios e usuarios dos Montes Veciñais en Man Común, hoxe presentes na prestación do proxecto.

Conxuntamente, deseñarán as medidas que garantan un desenvolvemento sostible da zona que redunden na mellora da produción gandeira e forestal, na axilización de trámites e aspectos administrativos, así como na conservación do rural, dotándoo de oportunidades.

Serán os usuarios e propietarios os encargados de executar estas medidas que, de acadaren os obxectivos fixados, recibirán compensacións económicas, facendo que Deputación, USC e UCD se convertan nas primeiras administracións en España que premien economicamente o desenvolvemento sostible. Trátase dun modelo que xa se aplica noutros países europeo, como por exemplo Francia, para combater o despoboamento demográfico e conversar o medio ambiente. Life in Commom Land ten un duración de 5 anos.

Motivos deste proxecto
O Presidente explicou que as zonas de especial protección, como neste caso a Serra do Xistra que é Rede Natura 2000, contemplan certas limitacións de uso e aproveitamento do territorio, que veñen impostas pola normativa vixente. “Decidimos elaborar este pioneiro proxecto para ofrecer solucións a estas limitacións. E facémolo porque as administracións coas competencias directas non o fixeron. A Xunta debería ter posto en marcha medidas de desenvolvemento destes espazos para garantir a vida no rural e do rural que, lamentablemente, cada vez é máis difícil e vai a menos” apuntou.

Proxecto novidoso
É un proxecto totalmente novidoso por varios motivos: 1).- Porque é participativo. Os propietarios e usuarios dos Montes do Xistral teñen un papel prioritario. Xa foron partícipes na elaboración do proxecto; estano sendo agora no deseño das medidas que aplicarán e serán eles mesmo os encargados de executalas. 2).- Inclúe compensacións económicas aos usuarios pola implantación das medidas de desenvolvemento sostible, que se concederán tendo en conta os obxectivos cumpridos. “Deputación, USC e UCD convertémonos nas primeiras institucións públicas en España que ofrecen retribucións pola aplicación de necesarias medidas de aproveitamento e conservación do hábitat na procura dun desenvolvemento sostible do noso rural, que non podemos deixar que morra”, destacou Campos. 3).- Busca ser trasladado a outros territorios europeos, pois crearanse novos esquemas de xestión gandeira e de ordenación forestal.

Obxectivos
Durante 5 anos, ata 2022, iranse implantando medidas, encamiñas a cumprir os seguintes obxectivos: 1).- Mellorar a produción gandeira e forestal a través da implantación de modelos de aproveitamento baseados nas experiencias dos usuarios dos montes. 2).- Axilizar trámites e aspectos administrativos logo de ter establecidos novos esquemas produtivos. 3).- Conservar o rural e dotalo de oportunidades.

O Presidente subliñou que “sempre defendo que temos que traballar cara unha Deputación co rural porque a nosa provincia é rural, facendo que esta administración estea cos nosos veciños. Gracias pola vosa implicación. De seguro que xuntos demostraremos que o noso rural ten futuro”.