Skip to main content
Actualidade

Os últimos datos falan dun descenso do número de parados en Galicia

Por 4 Xaneiro, 2018Sin comentarios

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia fixo unha valoración negativa dos datos do paro presentados polo goberno nos primeiros días do ano. Como explica, “son uns datos, aparentemente positivos que agochan moitas sombras no mercado laboral galego”

Como engade, o crecemento da actividade económica non se reflicte na creación de emprego —sitúase case un punto porcentual por detrás—. E o emprego creado segue a ser de moi baixa calidade —case 950 000 contratos temporais asinados no último ano—. A mellora resulta aínda máis morna tendo en conta que no último ano o desemprego descende un 10,15 %, mentres que a afiliación só medra un 2,25 %.

O ano 2017 pechou con 185.013 persoas paradas inscritas nas oficinas dos servizos públicos de emprego: 81.498 homes e 103.515 mulleres. Polo tanto, o 56 % do paro rexistrado afecta as mulleres.

En Galicia hai 2.162 persoas paradas menos ca en novembro, é un descenso do 1,16 % (fronte a un descenso do 1,77 % no Estado) e 20.901 menos ca en decembro de 2016, o que supón un descenso do 10,15 % (en España, –7,84 %).

Por sectores, o descenso do último mes concéntrase no colectivo sen emprego anterior (945 persoas paradas menos) e nos servizos (2905 menos). Pola contra, sobe o paro na construción (999 persoas máis), na agricultura (189 máis) e na industria (500 máis). Na comparación anual, a baixada do paro atangue a todos os sectores de actividade e a máis acusada segue dándose na construción.

Por sexos, no último mes o paro só baixa nas mulleres (3.091 paradas menos fronte a 929 parados máis) pero na comparación anual a maior diminución segue dándose nos homes (12.855 parados menos fronte a 8.046 paradas menos).

A contratación está marcada pola precariedade, que se manifesta na excesiva rotación no mercado laboral, a elevada temporalidade e demasiados contratos a xornada parcial. O 92,50% dos contratos concertados no mes de decembro foron eventuais: de 71.531 contratos rexistrados, 66.166 foron temporais.

En termos mensuais, baixou a contratación e con máis forza a indefinida: 1311 contratos indefinidos menos (−19,64%) e 7183 temporais menos (−9,79%). O número de contratos apenas variou na comparación anual (23 indefinidos máis e 1 temporal menos).

No ano 2017 bateuse a marca de contratos. Porén, a contratación segue condicionada por unha alta temporalidade. Dos 1.020.962 contratos que se rexistraron durante o ano 2017, o 92,09 % eran temporais.

A afiliación á seguridade social segue evolucionando peor en Galicia ca no Estado. Na comparación mensual retrocedeu na comunidade autónoma un 0,38 % e, pola contra, na media estatal subiu un 0,23 %. O pasado mes de decembro había 985.448 afiliacións á seguridade social; son 3.709 menos ca no mes anterior: 2.638 menos no réxime xeral, 632 menos no de autónomos e 439 menos no do mar.

En termos anuais, a afiliación á seguridade social medra menos en Galicia ca no conxunto do Estado: un 2,25 % fronte ao 3,42 %.

Segundo se deduce dos datos do SEPE, a taxa de cobertura (cociente entre o número de persoas beneficiarias de prestacións por desemprego e o número de persoas paradas rexistradas con experiencia laboral) en novembro de 2017 era do 53,66 %. Polo tanto, no mes de novembro de 2017 había 79.122 persoas paradas con experiencia laboral que carecían de prestacións por desemprego.

Por outra banda, só o 42 % das persoas beneficiarias de prestacións por desemprego están a cobraren unha prestación contributiva. Así pois, en novembro de 2017 había 91.607 persoas cobrando unha prestación por desemprego: 40.592 percibían un subsidio por desemprego (o 44,31 % do total), 38.795 contributivas (o 42,35), 9805 a renda activa de inserción e 2.415 correspondían ao programa de activación de emprego.

Continúa caendo o gasto en prestacións por desemprego (un 6,2% en relación co mes novembro de 2016) ao tempo que a taxa de cobertura segue en mínimos.