Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Abre o prazo para solicitar as axudas para equipamentos en común

Por 18 Xaneiro, 2018Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria de axudas para promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agrícola cun orzamento de tres millóns de euros. Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

O obxectivo destas subvencións é fomentar o uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo na nosa comunidade, co fin de introducir novas tecnoloxías no emprego deste tipo de equipamentos, á vez que se racionalizan os custes de mecanización, se reducen as emisións contaminantes e se fomenta o aforro enerxético.

Esta achegas subvencionarán a compra de maquinaria agrícola ata unha achega do 35% dos custos, que poderá incrementarse ata un máximo do 50% se a entidade está nunha zona con limitacións naturais ou se procede dunha fusión. Tamén son susceptibles de subvención os gastos derivados de estudos técnico-económicos de viabilidade.

No tocante aos criterios de valoración, priorizaranse as entidades que invistan en novas tecnoloxías que permitan reducir as emisións de CO2 e amoníaco. Ademais, obteranse puntos por cuestións como a porcentaxe de mulleres integradas no consello reitor ou o valor contable do parque de maquinaria no intre de solicitar a axuda, entre outros.

Os beneficiarios poderán ser as cooperativas agrarias e Cooperativas de Utilización de Maquinaria Agrícola (CUMA), as Sociedades Agrarias de Transformación (SAT), así como as cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT procedentes da fusión de explotacións con menos de 10 anos de antigüidade.

Teñen de prazo un mes e deberán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es).

Pincha para ir á convocatoria