Skip to main content
Actualidade

O IES de Castro de Ribeiras de Lea acollerá unha charla sobre violencia de género

Por 23 Xaneiro, 2018Sin comentarios

Axentes da Policía Autonómica de Lugo adscritos ao Grupo de Violencia de Xénero impartirán durante as próximas semanas charlas sobre a materia no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, no IES José Trapero Pardo, en Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei) e no IES Río Cabe de Monforte de Lemos.

Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan Proxecta 2017-2018 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e en concreto no programa “Por 365 días de respecto e igualdade”.

A Xunta aposta pola educación como unha ferramenta fundamental para avanzar na consecución da igualdade real entre homes e mulleres, así como na loita contra a lacra da violencia de xénero. Neste sentido, un dos obxectivos programáticos do Plan Proxecta é a visibilización e posta en valor da participación e produción das mulleres como pezas fundamentais na configuración e desenvolvemento da sociedade galega contemporánea.

Este plan pretende educar en valores, incidindo nos centros educativos nunha formación transversal que completa a puramente académica en áreas substanciais como a igualdade, o medio ambiente ou a saúde.

Na provincia de Lugo están adheridos ao Plan Proxecta 74 centros educativos que realizarán en total 160 proxectos nalgún dos 45 programas que se ofertan. Estes están relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, o audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros.