Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXAVilalba

O SLG solicita unha entrevista para falar do cobro indebido do IBI en granxas de Vilalba

Por 9 Febreiro, 2018Sin comentarios

O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar unha nova solicitude dirixida ao Concello de Vilalba para pedir unha reunión urxente coas persoas “que están a xestionar os erros masivos producidos a raíz das revisións catastrais de 2015”. Segundo indican, este problema foi denunciado polo SLG e afecta a centos de granxas ás que se lles comunicou a obriga de pagar os atrasos do IBI de 2015 por uns 1.200 inmobles, cando tal obriga non existía. Isto é así porque as alteracións en cortes para o gando, que son as afectadas, non podían ter efectos no Catastro Inmobiliario até o o 1 de xaneiro de 2016.

Así llo trasmitiron no seu momento ás responsables municipais, solicitándolles que o concello dese orde á Deputación de Lugo (organismo no que este concello ten delegado o cobro do IBI) de paralizar o cobro destas cartas de pago, enviando a listaxe das contribuíntes ás que se lles está a reclamar estas débedas indebidamente á Xerencia Provincial do Catastro para a corrección de oficio destes expedientes.

Aseguran que solicitaron tamén, naquel momento, ter unha entrevista co alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde, e as persoas responsables desta área no concello pero non obtiveron ningunha contestación.

Por iso, solicitan de novo unha xuntanza de traballo co alcalde e co persoal municipal responsable de xestionar este problema para que se lles informe da situación actual destas comunicacións e os avances que se están a dar. A maiores, tamén solicitan información sobre que deben facer as persoas afectadas por estes erros no cobro do IBI e as indicacións que se lles está a dar dende o Concello, xa que, “de non pagar estes recibos, poderían verse afectadas no acceso a determinadas axudas da Política Agraria Común (PAC), esenciais para as economías labregas de Vilalba”, aseveran