Skip to main content
AbadínActualidade

Rematan as obras no punto de atención da infancia de Abadín

Por 10 Febreiro, 2018Sin comentarios

A Consellería de Política Social achega 234.286 euros a quince concellos da provincia de Lugo para a mellora das escolas infantís (de 0 a 3 anos) e dos puntos de atención á infancia da súa titularidade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que mediante este programa a Xunta promove espazos e ambientes adecuados ás necesidades, intereses e competencias dos nenos e nenas destas idades.

Balseiro fixo estas declaracións no transcurso dunha visita ao Punto de Atención á Infancia (PAI) de Abadín, que precisamente mellorou as súas instalacións co apoio desta liña de axudas da Consellería de Política Social.

En concreto, no PAI de Abadín a obra financiada consistiu na dotación de mobiliario interior e mellora do espazo exterior da escola infantil. Os traballos incluíron o acondicionamento dunha zona exterior de xogos no patio, mellora da seguridade mediante o cambio de vidros por outros de irrompibles e illantes térmicos e acústicos.

Na provincia de Lugo os concellos beneficiarios foron os de Castro de Rei, Becerreá, Xove, Vilalba, Lugo, Lourenzá, Pol, Monterroso, Cervo, O Vicedo, Carballedo, Viveiro, Abadín, Muras e Outeiro de Rei.

Segundo explicou Balseiro, as axudas poden alcanzar ata o 100% do investimento subvencionable, e están dirixidas a financiar obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas dos centros, e a adquisición e mellora do equipamento, incluída a compra de mobiliario interior e exterior e de material didáctico e de xogo.

Igualmente, a consellería subvenciona a dotación de conexión á internet e a compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula, tales como ordenador, encerado dixital, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares.

A Xunta inviste na educación infantil para que sexa accesible e de calidade, dado que ademais de influír na aprendizaxe temperá dos nenos e nenas tamén facilita a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a participación feminina no mercado de traballo.

A Consellería de Política Social colabora cos concellos para que poidan introducir melloras e   contar con mobiliario e con materiais didácticos e de xogo funcionais e seguros, adaptados ás características psicoevolutivas dos nenos e das nenas e que favorezan o desenvolvemento infantil en todas as súas dimensións.

Neste sentido, a creación dun ambiente de aprendizaxe estimulante e máis efectivo pódese acadar por medio de intervencións menores como a mellora da accesibilidade ou o reacondicionamento dos espazos, a integración das novas tecnoloxías na aula e cambios no mobiliario e os xogos.