Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

A Ruta da Auga de Guitiriz, lista para converterse nun reclamo turístico

Por 20 Febreiro, 2018Sin comentarios

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou en Guitiriz o avance das obras de mellora e sinalización da accesibilidade da Ruta da Auga, onde se realizaron unha serie de actuacións que favorecen a práctica de actividades de turismo activo, termal e de saúde á vez que poñen en valor o rico patrimonio natural desta zona situada no interior da provincia de Lugo.

Os traballos levados a cabo foron posibles grazas a un convenio asinado entre Turismo de Galicia e o Concello de Guitiriz o pasado verán e inclúense no compromiso da Xunta de Galicia por colaborar cos concellos galegos no impulso dos seus recursos turísticos. Este compromiso materialízase a través da sinatura de convenios como este ou coa liña de axudas que convoca anualmente Turismo de Galicia para, entre outras actuacións, mellorar as infraestruturas, promover as festas de interese turístico ou para contratar persoal nas oficinas de turismo, para as que varias das convocatorias deste ano se manteñen abertas.

Durante a visita, Nava Castro salientou a importancia que esta colaboración ten para o desenvolvemento diversificado e sustentable do turismo en Galicia. Algo que queda de manifesto no gran interese das administracións locais galegas para impulsar a súa actividade turística como así o demostra a concorrencia ás liñas de axudas que convoca a Xunta así como o traballo diario dos concellos, que permite que os beneficios económicos, sociais e culturais que xera o turismo poidan chegar a todos os galegos.

As actuacións da Ruta da Auga –para as que Turismo de Galicia aporta o 75% do investimento- permiten pór en valor o potencial de Guitiriz como destino de turismo activo, termal, cultural e familiar, así como impulsar a súa fonda tradición xacobea. O itinerario aglutina o potencial patrimonial do Camiño do Norte e inclúe o percorrido por tres das fontes de augas mineromedicinais deste concello: Fonte de Valdovín, en Parga; Fonte de San Xoán, en Lagostelle e Fonte de Pardiñas, na aldea do mesmo nome.

Para poder impulsar e mellorar os seus recursos turísticos, os concellos galegos poden concorrer a varias das liñas de colaboración abertas por Turismo de Galicia para este ano, para as que destinará máis de 5 millóns de euros. Para o apoio á promoción e difusión das numerosas festas de Interese Turístico de Galicia o prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 2 de marzo. Este departamento convoca, ademais, subvencións para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos concellos declarados municipios turísticos de Galicia, cuxo prazo está aberto ata o 28 de febreiro.

O impulso aos concellos galegos complétase coa cuarta edición dos Premios Camiño de Santiago, dirixidos a entidades locais, asociacións xacobeas, pemes, centros de ensinanza básica e investigadores, para o que o prazo está aberto ata o 28 de febreiro. Ata o 2 de abril pódense presentar solicitudes para a segunda edición dos Premios Galicia Parabéns, tamén dirixidos aos concellos en recoñecemento ás súas iniciativas e proxectos de mellora, conservación e embelecemento das súas paisaxes e os seus núcleos de poboación.

Todas estas accións de apoio a concellos permiten dar continuidade a programas de convocatorias pasadas ou crear outros novos para seguir avanzando cara os obxectivos plasmados na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego que traballa para consolidar a Comunidade galega como un destino de calidade, sustentable, responsable, desestacionalizado, diversificado e accesible.