Bonos consumo Vilalba

Os Almorzos Saudables chegan a Vilalba

Trinta e un colexios públicos da provincia de Lugo participan no programa Almorzos Saudables dirixido aos escolares de 5º e 6º de educación primaria e co que se busca fixar hábitos saudables na alimentación dos máis pequenos e mellorar a saúde bucodental do alumnado.

Esta iniciativa, promovida pola Consellería de Sanidade, xa chegou a 257 escolares lucenses e, nesta ocasión, recala no CEIP Ínsua Bermúdez de Vilalba onde contaron coa visita do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, Agustín Baamonde, entre outros.

A Xunta quere que o alumnado coñeza a importancia que ten para a saúde o almorzo -como primeira comida do día- e as variacións que se poden facer, para conseguir unha alimentación variada, equilibrada e san.

“Estamos convencidos de que incluír un almorzo saudable na dieta dos nosos escolares, redundará nun mellor rendemento físico e intelectual, axudando a conseguir unha correcta distribución das calorías ao longo do día e, deste xeito, contribuíndo a manter tamén o peso idóneo” –dixo Balseiro.

A actividade consiste na elaboración e degustación de almorzos saudables no propio centro.  Ao comezo, impartirase unha breve charla informativa e motivadora  sobre a importancia do almorzo e dunha dieta equilibrada para acadar un desenvolvemento san, e conclúe con outra charla sobre  saúde bucodental e sobre técnicas de cepillado e lavado de mans.

Os Almorzos Saudables teñen lugar en horario lectivo e conta coa participación do profesorado e tamén dos pais e nais. Ademais as familias responderon a un cuestionario informativo elaborado pola Xunta para coñecer os hábitos máis habituais na alimentación do alumnado e, de ser o caso, nas necesidades particulares de alumnos con alerxias ou condicionamentos na dieta.

Os menús, con lixeiras variacións, inclúen lácteos (leite ou iogur natural), pan integral, tomate, aceite, xamón serrano, froita e froitos secos e cacao puro. En definitiva, incorpora produtos con todo tipo de nutrientes, e unha oferta variada de alimentos, en cantidades axeitadas desde o punto de vista nutricional.

Balseiro concluíu lembrando que un almorzo escaso ou inadecuado “pode predispoñer aos escolares a consumir durante a mañá bollería industrial, lambetadas ou bebidas refrescantes e a realizar comidas máis abundantes, hábitos que deberíamos evitar”.

Etiquetas