Skip to main content
Actualidade

Unha moción do BNG no Pleno da Deputación solicita a solución dos problemas viais no norte da provincia

Por 27 Febreiro, 2018Sin comentarios

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou por unanimidade unha moción do Bloque Nacionalista Galego pola que se instará ao Ministerio de Fomento a solucionar diferentes problemas viais na zona da Mariña e na que linda coa Terra Chá. Unha das primeiras medidas que se solicitan é axilizar a licitación, adxudicación e execución da obra de rehabilitación estrutural do firme da N-642, e mentres tanto proceder ao mantemento da mesma nas debidas condicións para facilitar unha circulación segura, repoñendo marcas viais e reflectantes e iluminándoa axeitadamente.

Ademais pedirán o desbloqueo da paralización da autovía Barreiros – San Cibrao, dotándoa da correspondente consignación orzamentaria e prolongar o terceiro carril de subida pola N-634 desde o p.k. 596 en San Vicente ata o enlace coa A-8 no alto da Xesta.

Segundo indicaban os nacionalistas na súa moción, a marxinación que sufre a comarca da Mariña en materia de infraestruturas de comunicación por estrada é un feito evidente, que se prolonga no tempo desde hai moitos anos, pero aínda é mais constatable nestes días nos que a choiva acabou por desfacer o firme na N-642 entre Barreiros e San Cibrao, e tamén tramos da N- 634, convertendo nun auténtico perigo conducir pola estrada da costa, abandonada, sen iluminación, sen marcas viais e soportando un intenso tráfico.

Aínda sendo coñecedores que a Dirección Xeral de Estradas anunciou no BOE do 8-1-2018 a licitación da obra de rehabilitación estrutural do firme da N-642, cun prazo de execución e entrega de 12 meses e tendo en conta que ata o mes de marzo non se vai proceder á apertura de ofertas para mais adiante proceder á adxudicación, somos conscientes tamén do risco de retrasos na adxudicación e no inicio das obras, e as usuarias e usuarios non poden soportar por mais tempo esta calamitosa situación.

A autovía Barreiros – San Cibrao é outro claro exemplo do desinterese do Goberno do Estado por esta comarca, pois o tramo Barreiros-Foz aínda ten o proxecto de construción en fase de redacción, o tramo Foz-Burela aínda non o adxudicaron, e o Burela-San Cibrao segue sen licitarse.

A autovía A-8 segue sendo intermitente no Alto do Fiouco. Catro anos despois da inauguración dese tramo, o Ministerio segue buscando ideas para eliminar a néboa nese punto. Ata se convocou un concurso de ideas e destináronse para iso nin mais nin menos que 6 millón de euros, sen que ata o momento saíra á luz nin se concretara unha soa idea desas que se buscaban. O único que se concretou foi a instalación dun radar de tramo en 9,5 km con claro interese recadatorio. Diante da pasividade de Fomento ante este problema moitos vehículos, sobre todo camións volven utilizar a N-634, subindo pola Xesta, pois aparte de circular en mellores condicións de seguridade, a distancia a percorrer é practicamente a mesma: 16km por autovía en 11 minutos, e 18km por estrada en 13 minutos, con menos consumo de combustible, segundo confirman empresas de transporte.

A respecto disto, o pleno do concello de Mondoñedo do 30 de outubro de 2015 acordou unanimemente solicitar do Ministerio de Fomento a prolongación do terceiro carril da N-634, en 4,5 km, desde o p.k 596 en San Vicente ata o enlace coa A-8 no Alto da Xesta, para facilitar a fluidez do tráfico que aumenta nesta estrada cando a autovía está pechada. Esta iniciativa fora proposta polo BNG como emenda a unha proposta do Partido Popular.