Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Comeza a campaña para rematar coa vespa velutina

Por 5 Marzo, 2018Sin comentarios

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, anunciou que a Consellería do Medio Rural xa comezou a distribuír aos apicultores galegos material para realizar o trampeo de primavera na loita fronte a vespa velutina.

A directora xeral explicou que a colocación de trampas para a captura de raíñas na primavera é un método importante na loita fronte a vespa velutina, xa que cada raíña capturada suporá un niño menos no entorno. Este plantexamento xa foi aplicado pola consellería nos anos 2015, 2016 e 2017 co reparto de trampas de captura e líquido atraente entre os apicultores e dando bos resultados.

As experiencias na loita fronte este insecto invasor sinalan que a colocación de trampas durante a primavera (entre marzo e mediados de xuño) no entorno dos colmeares presenta unha alta eficacia na captura das raíñas. Para iso, é preciso contar coa colaboración dos apicultores, que poderán recoller dito material na oficina agraria comarcal da súa zona.

Este ano vaise a distribuír material a un total de 3.048 apicultores, que contan con 4.562 asentamentos nas zonas afectadas e un total de 92.884 colmeas. O material consiste en 2.467 trampas, 5.404 botes de 500 ml de atraente e outras 40.782 monodoses de atraente, co que se asegura o trampeo preto dos colmeares ata o mes de xuño.

No caso dos asentamentos situados en concellos nos que xa se entregaron trampas no ano 2017, este ano unicamente se lles distribuirá aos apicultores líquido atraente, aínda que en maior cantidade que outros anos, para asegurar o trampeo durante todo o período no que as raíñas están fóra dos niños. No caso dos asentamentos situados en concellos nos que non se repartiron trampas no ano 2017, no ano 2018 distribuiranse tanto trampas comerciais como líquido atraente.

Belén do Campo sinalou que é importante que as trampas só sexan colocadas nas zonas onde se detectaron niños de vespa velutina e que o número de trampas se axuste ao necesario. A directora xeral incidiu en que isto se debe ter sempre en conta, xa que non existe ningún atraente que sexa totalmente específico para a vespa velutina. O uso en zonas nas que non se coñeza a presenza desta especie invasora ou a utilización dun número excesivo de trampas pode supoñer que se capturen indiscriminadamente outras especies de insectos, producindo efectos colaterais adversos sobre a entomofauna e poñéndose en risco a biodiversidade.