Skip to main content
ActualidadeBegonte

Os comedores escolares da provincia atenden a máis de 10.000 nenos

Por 6 Marzo, 2018Sin comentarios

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina cada ano preto de 4,7 millóns de euros para o sostemento do comedor de máis de 10.000 escolares da provincia de Lugo que se benefician deste servizo.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, enmarcou este esforzo inversor dentro da aposta do Goberno galego polo ensino público e, máis en concreto, pola mellora dos servizos complementarios que ademais dunha garantía para a adquisición de hábitos de alimentación saudables, son un importante instrumento para a conciliación da vida laboral e familiar.

Así, explicou Balseiro, durante a visita ás instalacións do colexio Virxe do Corpiño de Begonte, na que estivo acompañado polo alcalde da localidade, José Ulla Rocha e pola xefa territorial da Consellería de Cultura e Educación, Maria del Carmen Gueimunde, onde puideron comprobar de primeira man o funcionamento do comedor escolar.

A Xunta xestiona os comedores escolares de 104 centros lucenses, dos que fan uso este curso 10.361 alumnos e alumnas. En xeral, a maioría dos que utilizan o transporte escolar tamén fan uso do servizo de comedor, pois evita duplicar desprazamentos, sobre todo, en caso de ter xornada partida.

Os escolares usuarios teñen asegurada unha alimentación equilibrada e variada, xa que logo os comedores escolares están protexidos por estritos controis de seguridade alimentaria e os menús están elaborados con indicacións pautadas por expertos en nutrición infantil.

Na provincia coexisten dous fórmulas de xestión dos comedores escolares: a xestión directa, por parte da administración ou a indirecta, promovidas polas asociacións de nais e pais, que poden acceder en todo caso a axudas directas da Xunta para colaborar no seu sostemento.

O delegado destacou que os orzamentos da Consellería de Cultura e Educación para o presente ano medraron 3,34% (77,3 millóns máis) ata acadar os 2392,7 millóns de euros, o que permitirá reforzar a aposta polos programas de mellora educativa, das infraestruturas e deste tipo de servizos complementarios.