Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba acolleu unha charla sobre a muller no deporte

Por 12 Marzo, 2018Sin comentarios

Un grupo de cinco mulleres deportistas protagonizaron a segunda xornada do coloquio A muller no deporte organizado pola Asociación Feminista de Vilalba. Fútbol, taekwondo, atletismo e pádel foron os deportes analizados con perspectiva de xénero nesta xornada celebrada no Salón de actos da Biblioteca Municipal.

Como non podía ser doutro xeito, o Valdesuso Peugeot Vilalba F.S Feminino tivo especial relevancia pola súa recente vitoria na Liga Provincial relatada por Aisha Montiel, unha das súas xogadoras, futbolista profesional cunha longa traxectoria no máis alto nivel galego e nacional. Na súa intervención expuxo as diferencias entre homes e mulleres neste deporte, desde os salarios percibidos ata falta de recursos e de recoñecemento, así como os comentarios machistas sofridos “incluso por parte de árbitros en pleno partido”. Montiel puxo o broche final ensinando imaxes das gradas cheas do partido no que se impuxeron como campionas de liga, cunha emoción que traspasou ao público asistente, entusiasmado cos logros deste equipo feminino no seu primeiro ano de competición.

Beatriz Felpeto, unha moza deportista nada en Muras, deu voz ás mulleres do taekwondo. Procedente do Clube Moo Duk Kwan e con títulos a nivel nacional, ilustrou con datos e imaxes sobre a participación feminina neste deporte, que asegurou “foi incrementando nos últimos anos, notándose un número maior de mozas nas categorías inferiores con respecto ás senior”. Amante deste deporte desde ben pequena, animou a todas as persoas a practicalo polos valores que adquiriu coa súa práctica, sinalando que homes e mulleres adestran xuntos e facendo unha crítica aos centros de ensino “cando son os propios profesores os que nos separan a rapaces e rapazas para xogar mesmo un partido de baloncesto”.

O Clube de Atletismo de Vilalba tamén estivo presente da man de María José Trastoy, atleta que comezou o seu percorrido fai catro anos nesta modalidade malia ter practicado diversos deportes ao longo da súa vida. O seu esforzo e sacrificio quedou demostrado coas primeiras verbas que ofreceu ao público, “a miña primeira carreira foi unha media maratón, pensei que non a daba rematado pero cando atravesei a meta soupen que sería a primeira de moitas e que volvería a competir, e agora teño como obxectivo a maratón”. Con numerosos éxitos ás súas costas, asegurou sentirse arroupada e apoiada desde o principio polos seus compañeiros de clube, pero tamén subliñou as diferenzas de xénero neste deporte en canto aos premios, a vestimenta, ou mesmo as imaxes de homes que viñan copando os carteis de anuncio das carreiras ate fai ben pouco, “cando se empezaron a ver tamén imaxes de mulleres correndo”.

Por último, as capitanas do equipo de Pádel feminino de Vilalba, Rocío Castelo e Sonia Fernández, ofreceron a súa experiencia nos poucos meses que levan competindo. “A verdade é que desde un principio contamos coa axuda dos rapaces do clube, tanto nos adestramentos como no apoio que nos brindan cando imos competir por fóra”, aseguraron as capitanas, engadindo que “temos a sorte de desfrutar dun moi bo ambiente dentro do clube, pero tamén é certo que noutros niveis de competición como o World Padel Tour existen diferencias en canto ás retribucións ou premios que reciben homes e mulleres”, concluíron.