As parroquias de Vilalba contarán cunha serie de cursos impartidos por Cruz Vermella, que se inclúen dentro da programación de dinamización do rural para a que hai destinada unha participación orzamentaria de 28.000 euros.
Así, os cursos celebraranse nas parroquias de Santaballa, Ínsua, Torre, Codesido, Alba, Mete, Román , Vilapedre, Distriz e Belesar e a temática será moi variada. Haberá clases de baile de salón, autoestima, valoración da muller, zumba, pilates, informática, memoria, ximnasia, mantemento, cociña e cestería, entre outros.
As clases desenvolveranse cunha media de 30 horas por curso, sempre que reúnan un mínimo de 15 participantes, e a participación será libre e gratuíta.
Cruz Vermella farase cargo dunha tanda deste cursos, pero tal e como informou a concelleira de Cultura, Chery Grandío, haberá outro grupo de actividades que foron outorgadas a outra empresa e que se darán a coñecer en próximas datas.
“O obxectivo destes cursos e que os residentes das parroquias podan contar cos mesmos servizos e oportunidades que o resto dos veciños”, puntualizou Cheri Grandío.