Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PP propón que Suplusa se faga cargo da xestión das residencias

Por 24 Marzo, 2018Sin comentarios

O Grupo Provincial do Partido Popular amosa a súa sorpresa porque se decida retirarlle a Suplusa a condición de medio propio para xestionar as residencias cando agora mesmo conta con todos os permisos para facelo e sería a opción máis rápida. “Cumpriría ademais con todo o que se decidira por parte de todos os gobernos e presidentes anteriores”, explican.

En relación coa reunión de hoxe en Trabada, desde o Grupo Provincial do PP agradecen o traballo que leva feito a Sociedade Urbanística e todas as persoas que fixeron posible que hoxe o municipio teña unha residencia autorizada, que conta con todos os permisos para poder entrar en funcionamento, entre eles o Permiso de Inicio de Actividade (PIA) que outorga a Xunta.

A posición da alcaldesa de Trabada, inexplicable

Os populares consideran inexplicable a posición da alcaldesa de Trabada, que decide involucrarse no pagamento das prazas, cando herdara un convenio do ano 2011 co que tería unha residencia cunha xestión pública sen custe ningún para o Concello. “Sorpréndenos esta circunstancia e este novo modelo que asinaron que obriga á posta en marcha dun procedemento que pode tardar máis dun ano”, engaden.

Estas reaccións, precisan, poñen en evidencia as discrepancias internas entre os socialistas, toda vez que ninguén do PSOE, salvo o presidente de Suplusa, participou hoxe no Consello de Administración da entidade que se celebrou na localidade de Trabada.

Os populares pídenlle explicacións ao secretario xeral do PSOE ao evidenciarse que existe un problema claro nas súas filas, como demostra o feito de que hoxe só o presidente de Suplusa, Manuel Martínez, participara no consello de administración, ao que faltaron o presidente da Deputación, Darío Campos, e os deputados Lino Rodríguez e Pilar García Porto.

Non participou ninguén máis do PSOE na reunión, polo que asistimos a un momento realmente preocupante no que vemos que seguen trasladando os seus problemas internos ás institucións e os seus enfrontamentos, polo que, toda vez que isto responde a un problema político entre os socialistas, o secretario xeral “está tardando en dar unha explicación”, conclúen.