Skip to main content
ActualidadeXermade

O PP de Xermade asegura que existen deficiencias no inventario de camiños

Por 9 Abril, 2018Sin comentarios

O PP de Xermade anuncia que votará en contra do inventario de camiños realizado polo Goberno local, pois o documento que se someterá ao Pleno “non está feito cos veciños e para os veciños”. “O que queremos, indican, é un inventario real, que sirva para defender estas vías públicas, conservalas e melloralas. En definitiva, o que demandamos é un documento útil e válido no tempo, non como o presentado que presenta claras deficiencias e pode conlevar incluso problemas xudiciais importantes”, advirte o voceiro do Partido Popular neste municipio, Antonio Rigueiro.

Os populares toman esta decisión porque o inventario é un documento “de vital importancia” para a protección dos camiños, conservación do patrimonio e desenvolvemento local. Tal é así, que marca a titularidade de ben de interese público, así como os investimentos municipais. “Por iso, cremos que ten que ser o máis preciso e rigoroso posible. Dende logo, o PP non vai ser partícipe de chapuzas coma esta”, remarcan.

En Xermade existe, como dato histórico, un inventario realizado en 1950, que fora aprobado en sesión plenaria, e que ten que servir de base para calquera actualización e modificación. Por este motivo consideran que o documento que se aprobe debe de estar consensuado, previamente á elaboración do mesmo, cos cidadáns.

Deficiencias no proceso de contratación

Outro dos argumentos polos que os populares declinan apoiar o inventario é porque a contratación do servizo que pretende aprobar inicialmente o equipo de goberno non se someteu a consideración do Pleno. “Nin se levaron as bases técnicas, nin o contrato administrativo, nin a metodoloxia do traballo. Os representantes elixidos polo 60 % dos vecinos non tivemos opción a facer as nosas propostas”, lamenta Rigueiro.

A contratación do inventario presenta deficiencias notorias que impide que se poida facer un traballo de calidade; situación que afectará aos veciños e propietarios de fincas. Ademais, inicialmente presentou un contrato por unha contía de 3.509 euros que quedou deserto ao renunciar as empresas adxudicatarias. Logo, nunha segunda volta, adxudicouse por valor de 5.000 euros, máis impostos. Por riba, o importe dese contrato non permite aplicar a metodoloxía de traballo que se recolle no prego de prescricións técnicas e na presentación dos resultados. E é que, segundo apuntan dende o PP, “é inviable un recoñecemento do estado actual dos camiños e medilos mediante tecnoloxia GPS nunha lonxitude de 820 km e 2003 camiños ou treitos, como se recolle no estudo”.

Por outra banda, tampouco se realizou deslinde de ningún camiño, nin investigación da titularidade. “Levará a culpa da deficiencia do traballo a empresa adxudicataria por non facer o estudo en condicións, pero a realidade é que non se pode pretender facer un inventario a conciencia por ese importe”, puntualiza o voceiro popular.

Conflitos xudiciais

Por outra banda, dende o PP alertan de que o inventario provocará numerosos contenciosos e conflictos xudiciais, tanto na sua tramitación definitiva como no funcionamento posterior da administración cos administrados. “A defensa e protección do dominio público cun documento deficiente e esaxeradamente inflado de camiños serventios pode levar a asumir uns custos ruinosos para o Concello de Xermade”, advirten.

A inclusión directa de todas as vías municipais que figuran na cartografía de catastro, valida todos os erros que nel se manifestan; o que vai obrigar aos propietarios afectados a formular alegacións ao documento que recolle eses camiños, pois, en caso contrario, non se poderá catastrar nin documentar as fincas de acordo á realidade física.

“Por un lado os administrados vense privados da titularidade do terreo por onde discorren serventios, sendeiros e espazos que claramente non son camiños públicos e, por outra banda, o Concello de Xermade verase coa titularidade de 820 km de lonxitude de camiños que nunca terá a capacidade económica de acondicionar nin de defender”, alertan os populares.

Máis deficiencias

Nos traballos realizados, “como queda dito, sen posibilidade material de facelo con ese contrato”, inclúense como camiños regos de auga que non teñen que ver cun inventario deste tipo. Como mostra, Antoni Rigueiro cita as seguintes:

  • Burgás: 01-0062 e 01-0063. Dous camiños públicos paralelos a 25 metros de distancia entre si e sen continuidade. Ningún deles semella carácter público. Trazado modificado sin vestixios da súa existencia.
  • Cabreiros: 02-0136. Canle do muíño da Madeira como camiño público.
    02-0066. Estrada autonómica como camiño público.
  • Candamil: 03-0067. Non hai camiño. Está en zona concentrada.
     03-0068, 03-0069, 03-0070, 03-0071, 03-0072. Rego do Campo.
  • Cazás: 04-0300. Camiño real Betanzos–Mondoñedo sin continuidade.
    04-326, 04-0330 e 04-0331. Cruz de camiños que non semellan públicos.
  • Lousada: 05-0253. Río de Folgoso como camiño público.
    05-0062. Rego Cego como camiño público.
    05-0097, 05-0098 e 05-0099. Regos.
    Viais do monte MC como camiños públicos.
  • Miraz: Un mosaico de camiños, en torno ao Souto. De 06-105 a 06-117 que ningún cumpre a condición de público.
    06-0044. Camiño público inexistente.
  • Momán: 07-0110. Camiño inexistente.
    07-0041. Camiño serventio de fincas.
  • Piñeiro: Sanche Grande e As Ribas, espazos públicos sen catalogar, e iso que está en concentración.
    08-0064. Camiño catalogado como público cando é un dereito de supercie de  Sotavento sobre a comunidade MVMC de Piñeiro.
    08-0009. Clasificado como camiño sobre fincas particulares inscritas.
  • Roupar: 09- 0283. Camino público inexistente.
    09-0292. Camiño público en vez de dereito de superficie para camiños de parque eólico.
    09-0269 e 09-0270. Dous camiños públicos paralelos a escasa distancia.
  • Xermade: 10-0166. Rego. En concentración parcelaria.
    10-0168. Camiño público.