Skip to main content
Actualidade

A Casa Museo de Manuel María participa o sábado en Carballo nunha homenaxe ao escritor

Por 12 Abril, 2018Sin comentarios

O CEIP A Cristina, o CEIP O Fogar, o CEIP Canosa-Rus, o CPR Artai e o CRA Ponte da Pedra, centros educativos de Carballo, homenaxearán este sábado, día 14, ás 11 h, no Pazo da Cultura de Carballo, os 50 anos da primeira edición da publicación de Os soños na gaiola, de Manuel María. Esta obra, escrita en 1968, non só ten o mérito de inaugurar a poesía infantil galega, senón tamén de se converter nunha obra clásica con numerosas edicións, que segue tendo unha gran presenza nos centros educativos e que a maioría dos seus 49 poemas están gravados en traballos musicais de distintos artistas galegos.

A actividade promovida polo Casa-Museo Manuel María, e que conta coa colaboración do Concello de Carballo, cuxo alcalde tamén estará presente, consistirá en mostrar ás familias, e o público en xeral que alí se congrege, o traballo realizado desde o ámbito escolar nas últimas semanas en relación con esta obra emblemática.

Pezas musicais baseadas en poemas d’Os soños na gaiola, e recitados destes, alén de traballos plásticos, serán obxecto de exposición por parte das máis de douscentas vinte e cinco alumnas e alumnos que participarán no evento e que serán presentados polo escritor, cantor e narrador Xurxo Souto, quen conducirá o acto.

O acto rematará co canto de “A fouce”, poema incluído neste libro, por parte de máis de 200 nenos e nenas dos diferentes colexios que serán acompañados polo propio Xurxo Souto.