Skip to main content
ActualidadeBegonte

Castiñeiro Milenario organiza unha Foliada de Primavera

Castiñeiro Milenario organiza unha xornada de cultura e música tradicional, na que as protagonistas serán as nenas e nenos que se acheguen ata a parroquia do Castro (Begonte), onde, guiadas por Branca Villares, van aprender a facer un maio e botar unhas cantigas ao seu arredor. Xa pola noite a música será o eixe dunha nova edición da Foliada de Primavera.

Comezarán pola tarde cunha merenda para a cativada, chocolate e biscoito para coller forzas e ir apañar flores e fentos e xestas para facer o maio. Dirixidos polas indicacións de Branca Villares comezarán coa tarefa e probarán a facer algún “maio vivo” cantando unhas pezas ao redor do maio, nenos, nenas e maiores todos xuntos para dar a benvida á primavera.

Despois haberá uns petiscos para empezar unha nova edición da Foliada de Primavera. A partir das nove, comezará a festa o grupo residente, Foliadeir@s do Castro, nesta ocasión moi ben acompañado pola Asociación A Lengua Dereita desde O Corgo, As Cernellas de Santa María de Bóveda e para rematar, Troupelar desde Baralla.

Ao remate, foliada aberta ata que os corpos aguanten.