Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

A Deputación aproba obras viarias en Guitiriz

Por 18 Maio, 2018Sin comentarios

O vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, deu conta este venres da aprobación en Xunta de Goberno da contratación con preto de 1 millón de euros dos traballos de reposición do firme de estradas provinciais nos concellos da Fonsagrada, Guitiriz, Navia de Suarna e Sarria, que permitirán acondicionar, no seu conxunto, máis de 27 quilómetros en 7 estradas destes municipios.

Á Terra Chá correspóndelle obras en Guitiriz, concretamente 2,3 quilómetros da LU-P-2301, de Guitiriz a Vilares, entre os quilómetros 5,060 e 7,430.

O resto de estradas que se acondicionarán con cargo a este investimento son as seguintes:

Na Fonsagrada

– 1,9 quilómetros da LU-P-1905, de Vilardíaz a Carballido, comprendidos entre os quilómetros 7,130 e 9,040.

– 9,2 quilómetros da LU-P-1909, de Carballido a Vega de Logares, entre os quilómetros 0 e 9,2.

  En Navia de Suarna

– 2,7 quilómetros, da LU-P-3501, da LU-722 por Paradela ao Alto do Restelo, entre os quilómetros 7,7 e 10,4.

– 5,1 quilómetros da LU-P-3509, de Navia por Virigo ao Alto de Labiadas, entre os quilómetros 4,3 e 9,5.

– 2,2 quilómetros da LU-P-3512, de Cancelada da Serra, por Son e Robledo, á LU-722, entre os quilómetros 0 e 2,2.

 En Sarria

– 3,6 quilómetros da LU-P-5602, de Samos por Pintín a Sarria, entre os quilómetros 11,8 e 15,4.

Estes traballos engádense aos aprobados no Concello da Pontenova por valor de 231.867 euros para o acondicionamento de:

– 2,8 quilómetros da LU-P-1904, de Fonsagrada a Pontenova, entre os quilómetros 12,9 e 15,7;

– 3,6 quilómetros da LU-P-4805, de Boulloso, por Dodrín, a Figueirúa, entre os quilómetros 0,8 e 3,7 e entre o 5,2 e o 5,9.

– 1 quilómetro da LU-P-4808, da Pontenova, por Vilaouruz, a CN-640”, entre o quilómetro 0 e o 1.

Son as primeiras estradas que se acondicionarán en base ao Plan de Estradas de 15 millóns de euros que puxo en marcha o Executivo e que permitirá actuar en todos e cada un dos 67 municipios da provincia de Lugo, acondicionando uns 1.200 quilómetros, ou o que é o mesmo, máis da cuarta parte dos quilómetros da rede viaria provincial.

Patrocinio publicitario co Club Baloncesto Breogán

Fernández Queipo tamén informou da contratación do patrocinio publicitario co Club Baloncesto Breogán por valor de 370.000 euros, que terá vixencia ata o 31 de decembro. “Deste xeito, empregamos de novo a fórmula de colaboración, totalmente pioneira, que arrancamos fai dous anos, e coa que tamén buscamos o maior beneficio para o conxunto da nosa provincia e de todos os lucenses”, sinalou.

O Vicepresidente engadiu que “a través do contrato de patrocinio a entidade celeste comprométense a participar activamente en actuacións sociais como visitas a hospitais, campañas contra a violencia de xénero ou loita contra o cancro, partidos benéficos ou encontros mixtos para promover a igualdade a través do deporte. Así mesmo, este contrato que hoxe aprobamos tamén ten contraprestacións para a provincia en materia de turismo, pois promoverase a marca Lugo ao longo do territorio nacional e daranse a coñecer os recursos turísticos, culturais, naturais, patrimoniais, e produtos autóctonos de todas as comarcas lucenses. Un terceiro aspecto a destacar é a promoción do deporte base lucense. Con esta fórmula, que tamén aplicaremos co Club Deportivo Lugo, buscamos que o apoio económico que prestamos aos principais clubs da provincia redunde en beneficio de todos os lucenses a través de diferentes accións de carácter social que se contemplan nos contratos”.

Campaña de promoción turística da provincia

“Finalmente, aprobamos a adxudicación da contratación dunha campaña de promoción turística da provincia e que conta cun investimento de 34.000 euros, que inclúe a realización de vídeos para cada un dos catro xeodestinos, (Lugo-Terra Chá, A Mariña, Ribeira Sacra, e Ancares-Courel), ademais de realizar un vídeo promocional de toda a provincia. Esta iniciativa está incluída dentro do Plan Estratéxico de Turismo da Provincia, co que buscamos impulsar o crecemento e a transformación do sector turístico na provincia, na procura dun modelo máis competitivo e rendible. Precisamente, dentro da nosa aposta por promover o turismo como un eixe fundamental da economía da nosa provincia, estes días estamos a participar no País Vasco no Festival Marítimo de Pasaia, que este ano se dedica a Galicia”, apuntou.