Skip to main content
Actualidade

A Xunta celebra a Noite dos Museos no Castro de Viladonga

Por 18 Maio, 2018Sin comentarios

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra este sábado 19 no Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga a Noite dos museos, cunha programación especial aberta a todas as persoas interesadas e con actividades pensadas especialmente para os máis pequenos.

Esta efeméride está ligada ao Día Internacional dos Museos, que se celebra hoxe en todo o mundo e que tamén conmemora Viladonga con dúas visitas especiais ao castro da man do actor Avelino González. Esta actividade está prevista igualmente para mañá, a partir das 19,00 horas.

A programación da Noite dos Museos dará comezo ás 17,30 horas, cando se habilitarán espazos de xogo para nenos e nenas con materiais naturais e obradoiros de brinquedos sonoros a cargo da cooperativa Miudiño.

Ás 20,00 horas, despois da visita ao castro con Avelino González, dará comezo a actuación do músico Abraham Cupeiro, que recupera instrumentos perdidos no tempo.

En paralelo, durante toda a tarde proxectarase na sala de actos do museo de forma continua un audiovisual en lembranza de Xosé Manuel Carballo, que foi presidente de honra da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga. A partir das 21,00 horas, como é habitual,   pecharanse os actos cun refrixerio e unha queimada que ofrece a citada asociación.