Skip to main content
Actualidade

As Pontes celebra o venres o Día dos Mercados

Por 24 Maio, 2018Sin comentarios

O Concello das Pontes celebrará, o vindeiro 26 de maio, por terceiro ano consecutivo, o Día Internacional dos Mercados, coa campaña Quere o teu mercado.

A Concellería de Comercio, Hostalería, Turismo e Emprego, a través do IPPEC, desenvolverá durante toda a xornada do sábado, nas instalacións do Mercado Municipal, unha serie de actividades dirixidas a promover a dinamización comercial da praza de abastos así como a apoiar e impulsar ó mercado, potenciando a comprar de produtos locais e amosando ó bo facer dos praceiros.

As actividades programadas desde o goberno local inclúen a instalación dun photocall e o reparto de merchandising por parte da mascota do comercio local, todo amenizado por un grupo de música tradicional. Para os máis pequenos está prevista a instalación dunha zona de lecer infantil, visitas guiadas polo mercado, un obradoiro de cociña que se celebrará, nunha primeira quenda, ás 11:00 e, posteriormente,ás 13:00 horas así como a actuación dun mago ás 12:00 horas.

Esta iniciativa preséntase como unha grande oportunidade para que todos os veciños celebren a cultura do mercado local, resaltando o papel que xogan as prazas na compra de produtos frescos e de calidade, na cultura e na tradición do comercio local, ó mesmo tempo que se incentiva a creación de novos negocios nos mercados, contribuíndo á revitalización deste sector do comercio pontés.

Quere o teu mercado é o lema en galego da Campaña Internacional dos Mercados, unha iniciativa que ten como obxectivo darlle visibilidade ó papel do mercado na economía local, así como promocionar a compra nestes establecementos como sinónimo de calidade, bo servizo, trato persoal e proximidade co cliente, subliñando á profesionalidade das praceiras e praceiros.