Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Guitiriz arrinca o venres as súas festas patronais na honra de San Xoán

Por 21 Xuño, 2018Sin comentarios

As festas de San Xoán, que terán lugar entre o 22 e o 25 de xuño son as festas patronais de Guitiriz. As fogueiras e a música son as protagonistas desta festa que se alonga catro días e que presenta todos os anos un programa co que pretende non só sorprender senón tamén divertir a todos os seus veciños. E é que as patronais de Guitiriz son a antesala dunha serie de celebracións de fonda tradición na provincia e que se alongará durante os meses de verán, polo que esta localidade chairega promete, dende a fin de semana de San Xoán, un verán cheo de actividades.

A comisión do San Xoán preparou para os seus veciños un programa variado no que destacan as celebracións gastronómicas para reunir aos veciños, como a paella xigante do venres ou a sardiñada da noite de San Xoán. Ademais, destacan dúas actuacións de relevancia, por unha banda a do artista lucense Edgar Bao, coñecido pola súa participación en La voz kids, e o concerto da Década Prodixiosa, que pechará a programación.

O calendario festivo continuará no mes de xullo coa Feira da Cantería, callos e artesanía de Parga, que terá lugar o 22 de xullo e a Festa da Torta de Millo, o 29. Continuarán en agosto co Festival de Pardiñas, os días 4 e 5, e a Romaría da Chaira, a fin de semana do 11 e 12 de agosto.

Pero antes diso, quedan catro días para desfrutar do San Xoán.