Skip to main content
AbadínActualidade

As carrilanas baixarán por Abadín o 15 de xullo

Por 3 Xullo, 2018Sin comentarios

Abadín acollerá un ano máis o descenso de Carrilanas, unha actividade que se celebra de forma ininterrompida na localidade desde hai dezasete anos.

Nesta ocasión, a competición terá lugar o domingo 15 de xullo entre as 16.00 e as 20.00 horas con diferentes categorías segundo a velocidade da carrilana.

Esta proba, que abrirá a inscrición ese mesmo día entre as 10.30 e as 13.00 horas, será un ano máis unha das catro puntuables para o Campionato Galego 2018, que se atopa lexislado pola Federación de Deportes de inercia.

O percorrido constará de 3.600 metros desde A Corda ata o centro de Abadín, concretamente ao lado do centro de saúde.

As previsións contan cunha participación de preto dun centenar de carrilanas que se dividen en diferentes categorías: neumática, rodamentos, skeleton, gravity bike, street luge, patinaxe de descenso ou madeira. Todos eles poderán probar os seus vehículos a tarde anterior.

Novamente primará a seguridade con 14 puntos diferentes  de control ao longo de todo o percorrido, do mesmo xeito que os vehículos teñen a obriga de contar con sistema de seguridade de dobre freado, arco de seguridade e carecer de aristas cortantes.

Pola súa banda, o Concello contribúe coa achega de medios municipais, como vallas e barreiras de seguidade nos puntos máis conflictivos.

Haberá trofeos para os dous primeiros clasificados en cada unha das categorías e agasallos para todos os participantes así como distinción para o deseño máis orixinal, a carrilana mellor feita e a participación local.

Esta celebración xurdiu como complemento das festas patronais que teñen lugar en setembro pero pouco a pouco foron agrandando a súa competencia e na cuarta edición cambiaron xa a data para xullo.