Skip to main content
Actualidade

Mil deportistas participarán nas Pontes na III edición da Samurai Xtreme Race

Por 4 Xullo, 2018Sin comentarios

Preto de 1.000 deportistas, chegados de toda España, participarán o 7 de xullo, na terceira edición da carreira de obstáculos Samurai Xtreme Race que se disputará no Lago das Pontes.
Ana Pena, responsable da concellería de Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego e Jesús Tembrás, responsable da concellería de Deporte participaron, xunto con José García Liñares, deputado de Deporte e Xuventude da Deputación da Coruña, membros da organización e patrocinadores, na presentación da única proba, que se celebra na provincia de A Coruña, puntuable para a ligas galega e nacional de carreira de obstáculos e clasificatoria para o campionato de Europa 2019.
Durante a presentación da proba, Ana Pena mostrou a satisfacción que para o Concello das Pontes supón contar, un ano máis, con esta competición, ideada para gozar dun entorno natural único e que “permite poñer en valor o patrimonio turístico das Pontes, dalo a coñecer fóra da comarca, mesmo da Comunidade Autónoma, e amosar todo o que o noso pobo pode ofrecer ós visitantes”.
Pola súa banda, Jesús Tembrás agradeceu á organización e patrocinadores a súa dedicación e esforzo que fai posible que está cita se consolide no calendario deportivo do municipio e aproveitou para animar ós veciños e visitantes a “achegarse ó lago das Pontes para gozar dun espectáculo que promove valores asociados á práctica deportiva; traballo en equipo, disciplina e o afán de superación, aspectos esenciais na sociedade actual”.

SAMURAI XTREME RACE.
A proba, considerada como carreira de obstáculos extrema, desenvolverase, na súa totalidade, na contorna do lago. Ten una distancia aproximada de 8 quilómetros e inclúe un total de 44 obstáculos, tanto naturais como artificiais, tales como valos, bidóns, charcos, paso sobre pirámides de madeira, muros, tobogán, aramados, escaleiras, trincheiras de barro, lume, arrastres ou monkey bars. Os primeiros participantes sairán ás 11.00 horas, dando inicio ás tandas competitivas nas que competirán os corredores das ligas de carreiras de obstáculos nacionais e das que sairán os primeiros clasificados españois para os campionato de Europa do ano 2019.

A partir das 12.00 horas e ata as 17:20 horas disputaranse as tandas populares nas que tomarán a saída corredores que se inician nesta práctica deportiva e que buscan pasar un bo rato e poñer a proba as súas capacidades físicas. A mediodía haberá un parón na competición, momento no que se celebrará un xantar popular e público, voluntarios e corredores poderán gozar dun pequeno concerto ó aire libre tras o que se retomará a proba, entorno ás 15:00 horas.
De forma paralela á competición, celebrarase a Samurai Xtreme Race Junior, unha carreira de obstáculos infantil na que participarán nenos con idades comprendidas entres os 5 e os 15 anos. Trátase dunha carreira solidaria na que o importe das inscricións irán destinadas á Fundación curemos o párkinson.