Skip to main content
ActualidadeXermade

A Deputación subvencionará as obras no campo de fútbol do Cazás

Por 6 Xullo, 2018Sin comentarios

O deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, informou que o Executivo Provincial investirá máis de 522.000 euros no impulso do deporte e mellora de instalacións deportivas, especialmente no rural logo de aprobar na Xunta de Goberno actuacións por valor de 370.000 euros en dotacións deportivas.

Dentro dos 370.000 euros aprobados na Xunta de Goberno inclúe uns 20.500 euros para obras no campo de fútbol de Cazás, en Xermade. Este orzamento servirá para a construción dun peche perimetral deste campo de fútbol, no que adestran e xogan os veciños do equipo desta parroquia. Deste xeito, evitarase que os animais salvaxes, como é por exemplo o xabaril, destrocen o terreo de xogo.

Ademáis, tamén aprobaron outras obras vinculadas ao deporte, como 335.000 euros para a construción dun novo campo de fútbol e mellora do existente de Taboada. Deste xeito, coa modificación aprobada hoxe, este municipio disporá de 2 campos de fútbol. Así se fixo logo das recomendacións feitas pola área de deportes e en base ás reivindicacións dos propios clubs e usuarios. Con estes fondos, construirase un novo campo de fútbol no Concello, que está situado ao carón do vello, de herba artificial; e mellorarase o terreo de xogo do actual campo municipal, instalando un sistema de rego para o acondicionamento deste campo, que é de herba natural.

Este orzamento engádese aos 152.000 euros aprobados esta mesma semana, que se distribúen do seguinte xeito:

– 6.000 euros para a dotación dun novo cortacéspede ao Club de Fútbol de Bóveda Hermanos Somoza. A través desta colaboración, redúcense os custos do Club pois ata o de agora gastaban uns 180 euros mensuais en acondicionar o terreo de xogo que, logo da adquisición do cortacéspede, poderán aforrar. Este é o campo no que adestra o Bóveda, que conta cuns 25 xogadores de toda a zona, así como o lugar no que se celebran partidos durante as festas.

– 130.000 euros cos que se garante a apertura, no vindeiro curso, da piscina cuberta da Pastoriza. Será o propio Concello quen se encargue de asumir a xestión destas instalacións. O Goberno da Deputación leva tempo traballando da man do Concello para poder abrir estas instalacións e asegurar que os veciños da Pastoriza teñan a posibilidade de contar co servizo da piscina climatizada.

– 16.000 euros para a celebración da 1ª Copa Deputación de Fútbol Sala, que reunirá a 300 xogadores e xogadoras de 29 equipos. Tal e como avanzou onte o Presidente, o Goberno decidiu poñer en marcha este competición por vez primeira por ser unha das modalidades deportivas máis populares na provincia, dándolle visibilidade a equipos lucenses a través dunha competición dinámica e atractiva. Lembrar tamén se trata dunha competición cun marcado carácter feminino pois conta 120 mulleres de 10 equipos, e coa que damos visibilidade ao noso fútbol sala feminino pois, nesta provincia, son moitas as mulleres se decantan por este deporte e conseguen excelentes resultados.

“En definitiva, tan só nesta semana destinamos 522.000 na promoción do deporte na nosa provincia, a través da mellora de instalación deportivas municipais, dentro da nosa defensa pola mellora dos servizos públicos, así como coa celebración de competicións deportivas de 1º nivel, como é a Copa Deputación de Fútbol Sala”, apuntou Rivera Capón.