Skip to main content
A PastorizaActualidadeAgro TERRACHÁXA

O SLG vixiará o catastrazo na Pastoriza

Por 10 Xullo, 2018Sin comentarios

Cunha charla que tivo lugar no salón de actos co Concello da Fonsagrada, o Sindicato Labrego Galego iniciou o 9 de xullo unha campaña informativa sobre o catastrazo e as súas consecuencias que o levará tamén até Baleira e A Pastoriza.

A escolla destes concellos explícase porque na Fonsagrada e Baleira xa comezaron a chegar, tralo proceso de revisión catastral, as notificacións de cobro dos atrasos do IBI de 2013 a 2016. Pola súa banda, na Pastoriza están na última fase da regularización dos bens catastrais, polo que en breve terán que pasar pola mesma tesitura.

Ademais destas charlas, o SLG solicitará formalmente xuntanzas cos responsábeis de cada concello para tentar que a regularización catastral sexa o menos lesiva posible para as familias que viven no rural e, especialmente, para aquelas que teñen na agricultura ou na gandería o seu principal medio de vida. Nestes encontros pediráselle aos concellos a aplicación de medidas da súa competencia como:

1. Adquirir o compromiso de que non se cobren atrasos no IBI para construcións das explotacións agrarias e gandeiras.

2. Modificar as ordenanzas fiscais para que se apliquen as exencións e bonificacións máximas que permite a Lei de Facendas Locais para as vivendas do rural e as construcións agrarias. Particularmente, que se bonifiquen co 95% os bens inmobles adicados á actividade agrogandeira (téñase en conta que moitos destes bens comparten referencia catastral coa propia vivenda).

Para o Sindicato Labrego Galego, a revisión catastral -máis coñecida como catastrazo- está a ter, alí onde se desenvolve, un forte impacto negativo nas economías familiares: Ademais de ter que pagar unhas taxas de 60 € por cada ben regularizado, decotío establécense uns valores catastrais superiores ao valor real do inmoble, o que repercute nun incremento do IBI, feito que ten consecuencias indirectas como a perda de bolsas de estudos ou outro tipo de axudas polo incremento patrimonial da familia.

Ademais, moitas destas regularizacións de bens inmobles son inxustas, xa que moitas vivendas e instalacións agrarias que agora se “regularizan”, en realidade xa o estaban, pois no seu día se acolleron ao proceso de regularización acometido en aplicación da Disposición Transitoria 11a da Lei de Ordenación Urbanística e de Protección do Medio Rural de Galicia. Os procesos de obtención de licenza, ademais de demostrar a clara vontade de facer todo conforme á lei por parte das familias afectadas, tamén supuxeron gastos extraordinarios que non deberían repetirse.

En canto ás bonificacións que o Sindicato Labrego Galego pide para o IBI, trátase de competencias municipais que xa foron adoptadas por outros concellos eminentemente rurais e cun grande peso das actividades agrogandeiras na súa economía, como é o caso que nos ocupa. Así, concellos como Oza-Cesuras, Curtis, Melide, Touro, Frades, Riotorto, Ribeira de Piquin, Portomarin etc., xa teñen aplicado bonificacións no IBI aos inmobles vencellados á actividade agrícola.