Skip to main content
ActualidadeRiotorto

Ceden ao Concello de Riotorto 27 predios da reestruturación parcelaria

Por 16 Xullo, 2018Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural vén de aprobar a cesión ao concello de Riotorto dun total de 27 predios correspondentes a terras sobrantes da zona de reestruturación parcelaria da Órrea-Galegos.

Case a metade destes terreos –14 en total– serán utilizados como depósitos de madeira. O resto teñen diferentes fins e usos sociais e culturais, que van desde a utilización como campo da festa ou aparcadoiro ata depósitos de plásticos, para unha escola en Galegos ou para contorno das fontes públicas.

A decisión de ceder estas parcelas adoptouse a proposta da Xunta Local da zona e tendo en conta a normativa ao respecto, en particular o establecido pola Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga), contemplándose que os destinos para os cales se solicitan estes predios encaixan perfectamente cos supostos recollidos na lexislación. Os terreos cedidos causan baixa no fondo de terras da zona.

A reestruturación parcelaria da Órrea-Galegos abrangue unha superficie de 1.269 hectáreas, correspondentes a 496 propietarios. A redución de predios pasa dos máis de 9.000 a arredor de 1.400. Os investimentos nesta zona por parte da Consellería do Medio Rural ascenden a case tres millóns de euros.