Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Todo listo para a Feira da Cantería de Parga

Por 20 Xullo, 2018Sin comentarios

Parga prepárase para unha nova edición da Feira da Cantería, os Callos e a Artesanía que terá lugar o 22 de xullo nesta localidade do Concello de Gutiriz por XXIV ano consecutivo.

Nesta ocasión, a feira, que se celebra nunha xornada, contará coa celebración do concerto de Roi Casal como antesala da celebración. A actuación do proxecto Son Galego, Son Cubano, será o sábado a partir das 22.00 horas.

O domingo o día grande, a xornada dará comezo co inicio do traballo dos canteiros, que recibirán a súa pedra para comezar a talla, que terá que estar rematada e lista para a valoración do xurado ás 14.00 horas. O fallo dos tres membros do xurado darase a coñecer sobre as 14.15 horas ante as mesmas tallas.

Como todos os anos haberá tres premios, de 700, 500 e 200 euros para os gañadores e cen euros para todos os participantes para gastos de desprazamento e material.

Un ano máis, cubriranse as 20 prazas disponibles para participar no concurso, con artistas vidos de diferentes lugares da xeografía galega. A mañá tamén terá outras actividades paralelas como unha exhibición do aproveitamento resineiro, que se está intentando implantar na zona e a actuación de Xacarandaina, que fará o pasarrúas. Tamén, un responsable explicará nos restos do castelo as orixes de Parga para todos aqueles que o desexen.

O segundo bloque da sesión será a propia Artesanía. Durante todo o día manterase aberta unha mostra de artesáns na zona do campo da feira. Os amantes da artesanía poderán gozar das explicacións do proceso así como da compra dos produtos que se expoñan.

E para manterse en pé esta longa xornada, haberá degustación de callos ao mediodía. Cinco bares da zona de Parga serán o escargados de preparar no campo da festa os callos ao máis puro estilo chairego. Os que queiran esta reconstituínte poderán mercar o seu cazolo de callos acompañado de pan (con servilleta e culler) por 5 euros.

Pola tarde haberá unha carreira popular de cabalos, realizada individualmente para evitar perigos, así como unha exhibición a cargo de Tomás Besada.

Esta festa está organizada polo Concello de Guitiriz e a Comunidade de Montes de Parga.