Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Doce rapaces de varios países participan en Guitiriz no campamento Da pedra e da auga

Por 2 Agosto, 2018Sin comentarios

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, visitou ao grupo de 12 rapaces e rapazas de entre 18 e 30 anos de idade que participan no campo de traballo que se está a desenvolver no municipio lucense de Guitiriz. Esta actividade, enmarcada na Campaña de Verán que organiza esta departamento autonómico, é de ámbito internacional, pois nela conviven mozos e mozas procedentes de diferentes cidades de España (Valencia, Madrid, Cáceres, Badaxoz, Alacante e Valencia) e de países estranxeiros (2 italianos, 2 franceses, 1 mexicano e 1 ucraíno).

A temática deste campo, denominado ‘da pedra e da auga’, é a de medio ambiental e festival. Os campistas colaboran cos voluntarios locais encargados da organización, xestión e desenvolvemento do festival e romaría de Pardiñas así como da romaría labrega da Chaira, dúas celebracións que teñen lugar no concello de Guitiriz e durante as que pode desfrutar da música e cultura tradicionais galegas. Os mozos e mozas do campo de traballo fan valoracións e suxestións de mellora para as vindeiras edicións. Ademais, previamente a que teñan lugar os festivais encárganse de eliminaras especies vexetais invasoras dos lugares de celebración.

A programación de actividades tamén inclúe visitas a lugares de interese da comarca de Terra Chá, área xeográfica que preserva unha das mellores representacións de bosques de galería da Rexión Atlántica da Península Ibérica, a realización de seminarios e obradoiros de temática ambiental, rutas de sendeirismo, excursións ás cidades de Lugo e Coruña e baños nas piscinas municipais.

A directora xeral de Xuventude destacou a importancia dos campos de traballo como ferramenta de educación non formal, xa que “engloban experiencias de participación, de voluntariado”. Ao respecto, engadiu que “son accións voluntarias, que os mozos e mozas realizan de forma altruísta e solidaria, poñendo o seu gran de area para mellorar, neste caso, a celebración de eventos que están moi arraigados no municipio de Guitiriz”.

A través da Campaña de Verán 2018, os campos de traballo poñen a disposición 925 prazas nesta tempada estival para mozos e mozas galegos, do resto de comunidades autónomas e do estranxeiro, así como para voluntarios procedentes da Galicia exterior. Así mesmo, os rapaces e rapazas da nosa comunidade poderán asistir a campos de traballo noutras rexións de España e en países como Francia, Alemaña, Bélxica, Italia, Grecia, Países Baixos, República Checa, Estonia, Letonia, Serbia, Ucraína, Islandia, Rusia, Turquía e incluso de fóra de Europa como Armenia, Camboia, China, Filipinas, Hong-Kong, Xapón, Corea do Sur, Taiwán, Nepal India e México.

Galicia conta nesta campaña cun total de 28 campos de traballo nos que os participantes realizan tarefas de tipo medioambiental, arqueolóxicas, de restauración, culturais e patrimoniais, audiovisuais e labores propias da organización dun festival. Os campos de traballo forman parte da Campaña de Verán ‘Vive a túa aventura”, na que se ofertan un total de 9870 prazas, 298 máis que na anterior edición. A Xunta inviste 3,2 millóns de euros –un 8% máis respecto ao orzamento de 2017- neste programa que segue a ser un referente a nivel de todo o Estado, ademais dun recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel.