Skip to main content
ActualidadeVilalba

Modesto Renda dona a Os Peludiños un ano das súas retribucións

Por 2 Agosto, 2018Sin comentarios

Foi ao abeiro do comezo da lexislatura, cando o daquela recentemente elixido Concelleiro de Vilalba Aberta anunciara a súa renuncia á totalidade do diñeiro que lle correspondería derivado da súa condición edil e membro da corporación.

A decisión, cuxa finalidade sempre foi para o representante asembleario que o diñeiro quedara en Vilalba, situaba como única alternativa á mesma a da doazón das devanditas cantidades a unha ou varias asociacións, ben foran veciñais, culturais ou deportivas do Concello. Unha opción, esta última, desbotada nese momento por Renda, pois implicaba elixir en detrimento dunha ou varias delas.

Dende entón, máis de 2000 euros correspondentes ás indemnizacións pola asistencia do edil a comisións e Plenos pasaron a engrosar as arcas municipais. Unha dinámica inédita na política vilalbesa, que verá o seu fin coincidindo co derradeiro curso da lexislatura, non por ningún tipo de arrepentimento do edil, senón que derivada da situación límite pola que está a pasar unha das asociación vilalbesas máis representativas, isto é: a asociación animalista “Os Peludiños”.

“Foi nun 9 de Febreiro de 2016 cando, de acordo co conxunto dos veciños/as organizados en torno á asemblea de Vilalba Aberta, manifestei por escrito a miña vontade expresa de renunciar ás retribucións que, en concepto de compensación pola asistencia tanto aos plenos coma ás diferentes comisións informativas, me correspondería percibir ao longo da presente lexislatura” declaraba hoxe Renda, antes de remarcar que “aínda acreditando nos motivos me levaron a tomar a antedita medida, é a miña vontade responder ao chamado dunha das asociacións vilalbesas que económicamente peor o están a pasar froito do desleixo do Concello na materia, coa doazón das cantidades que, no sucesivo, me corresponderían de acordo co establecido no Pleno de Constitución da Corporación”, sentenciou.

Neste senso o rexistrado, ao respecto da non percepción das retribucións compensatorias en concepto de dietas, a fin de volver a percibilas a efectos do 1 de Xullo de 2018, para inmediatamente proceder á súa doazón en beneficio da Asociación “Os Peludiños”.