Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

A Xunta investirá nas obras de mellora do CEIP Lagostelle

Por 9 Agosto, 2018Sin comentarios

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria prevé executar un proxecto de mellora de eficiencia enerxética no Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Lagostelle de Guitiriz, que virá a sumarse a outras obras de mellora  na sala de profesores, sumando un investimento total de 60.000 euros.

Co proxecto de eficiencia enerxética  a Xunta pretende mellorar o edificio administrativo existente coa colocación de nova carpinteira de aluminio, falsos teitos e luminarias Led. O investimento previsto ascende a 48.000 euros.

Polo que respecta á sala de profesores, o orzamento dos traballos é de 12.000 euros e consistirán na reforma dun espazo de 60 metros cadrados, coa renovación do falso teito, as luminarias -que se cambiarán por outras de tipo Led- e as ventás.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria “está priorizando as actuacións de reforma e modernización dos centros educativos que contribúen a reducir os custos enerxéticos e as emisións contaminantes”.

No ano 2017 leváronse a cabo intervencións no edificio principal de uso educativo por importe de 573.185,47€. Os traballos supuxeron unha reforma integral (enerxética e funcional) das fachadas, carpinterías, luminarias e outros elementos das instalacións. Deste xeito acometeuse o illamento da fachada exterior, a substitución de ventás das aulas e da fachada exterior da biblioteca por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre, e a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética tanto nas aulas coma na biblioteca. Nestes mesmos espazos se substituiron os falsos teitos existentes e repararon e pintaron os paramentos interiores. Todas estas medidas combinadas supuxeron un aforro enerxético anual en torno ao 23,5 por cento.

Cabe lembrar que a Consellería tamén executou recentemente unha obra de ampliación da biblioteca do CEIP Santo Estevo de Parga, por importe de máis de 2.600 euros, consistente  na demolición dun tabique e varios armarios e o acondicionamento da nova parede e do chan.

Así mesmo, Balseiro sinalou que a Xunta tamén investiu 17.500 euros no proxecto de mellora de sinalización dos recursos turísticos do municipio, neste caso a través dunha achega de Turismo de Galicia.

O Goberno galego asume o 65 por cento do custo desta proxecto, que prevé a elaboración e instalación de distintas sinais e paneis informativos en elementos monumentais ou naturais do concello.

Trátase de paneis explicativos culturais, con información útil sobre o lugar no que se atopa o   visitante, e tamén sinais direccionais ou de situación para unha mellor orientación dos percorridos.