Skip to main content
ActualidadeVilalba

Continúan as actividades deportivas do San Ramón con varios torneos

Por 20 Agosto, 2018Sin comentarios

As actividades deportivas son os actos tradicionais que prologan as festas de San Ramón e Santa María. Así, o primeiro acto oficial foi o tradicional partido correspondente ao Trofeo Presidente, celebrado o pasado 11 de agosto no estadio da Madalena polo Rácing Vilalbés e o Atlético Astorga. O equipo visitante foi o que se fixo ao final con este título tras vencer por 0-2.

O Vilalbés volvía xogar tras o descanso estival e tras un esforzo no mes de xullo por conseguir o ascenso a Segunda B, que non puido ser malia chegar máis lonxe ca nunca neste proceso.

Antes de volver a ser protagonista o fútbol, entre os días 11 e 18 de agosto as pista de tenis da Madalena acolleron o XXVI torneo de San Ramón, un clásico das festas. O torneo constaba das categorías Absoluto federado, Absoluto + 35 federado, Absoluto non federado, Alevín Infantil federado e Cadete federado masculino e femenino.

Tamén se celebrou o sábado 18 a IV Carreira Nocturna, onde había dúas diferentes categorías, Infantil (que saíron a partir das 20:30), e a Absoluta (a partir das 22:00 horas). Os tres primeiros clasificados en cada categoría recibiron premios sendo económico para os de absoluta.

O martes 21 de agosto volverá o tenis. Ás 15:00 será o II Torneo entre Escolas Municipais de Tenis, que terá lugar no Complexo Deportivo da Madalena. Ademais este torneo servirá de festa de inauguración das novas pistas de tenis, que foron reconstruídas este inverno polo Concello. A entrega de trofeos está prevista ás 20:00 horas de man do alcalde, Agutín Baamonde, e o presidente do Club de Tenis Vilalbés, Juan José Pereira. Despois haberá pinchos e bebidas para os asistentes e participantes no evento.

O sábado 25 coincidindo co día da Xira, xogarase un partido de fútbol da Terceira División entre o Rácing Vilalbés e o Porrriño para animar a tarde. Será ás 18.30 horas no propio estadio da Madalena.

O martes 28 haberá unha xornada de portas abertas de tenis de mesa no Pavillón Mato Vizoso a partir das 17:00, onde todo o mundo poderá desfrutar e coñecer este deporte que tantos senlleiros ten en Vilalba e que tivo un gran ano a nivel competitivo co ascenso dun dos seus equipos.

Ademais, ese mesmo día haberá unha nova edición, a XXV, das Simultáneas de Xadrez, a partir das 18:00 na praza da Constitución se o tempo o permite, senón trasladarase ao Espazo Xove. Estas partidas están abertas á participación do público en xeral, sen límite de idade, e ademais todos os participantes recibirán un agasallo.

Un dos días grandes do deporte será o 29, cando terá lugar a XXV Festa da Bicicleta polas rúas de Vilalba. Os interesados en participar poderanse anotar ata o mesmo día dúas horas antes da saída que será ás 19:30.

O venres 31 de agosto volverá o fútbol, nesta ocasión ao Estadio Roca, onde se disputará o III Trofeo Memorial Jorge Tato, onde o Rácing Villalbés agora de Liga Nacional Xuvenil enfrontarase ao Viveiro, participante na Liga Galega Xuvenil.

Por último, como colofón deportivo das festas, o día 1 de setembro celebrarase o Galibudo – 18, que é a XVI edición da Convención Internacional de Artes Marciais no Pavillón Municipal dende as 10:00 horas. Os maestros titulares do Galibudo 2018 son José Manuel Infante Pedraza, maestro C. N. 6º DAN de Kempo Kembudo e Combat Jitsu; Adriano Amorim, fundador Kouk Sun Do Portugal, e Antonio Montes Hermida, responsable da Escoela de Tae Kwon-Do Moo Duk Kwan e organizador do Galibudo.