Skip to main content
ActualidadeVilalba

María Reimóndez presenta o libro co que gañou o Premio Agustín Fernández Paz

Por 6 Setembro, 2018Sin comentarios

O Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia organizan o venres 7 de setembro de 2018, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do libro Fóra do normal de María Reimóndez, editado por Edicións Xerais de Galicia, publicación gañadora do I Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade que convocaran no ano 2017 as tres entidades antes mencionadas. 

No acto intervirán: a propia autora do libro, María Reimóndez; o anterior director de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado; o escritor Fran Alonso; o alcalde do Concello de Vilalba, Agustín Baamonde Díaz, e a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro.

Ilustrada por Antonio Seijas, a novela trata do conflito entre identidade e corpo que ten André, o mozo protagonista. Acompañado de amigas, como Mucha e a Patrulla Trans, e da lectura de cómics intentará superar o problema porque “no medio da treboada, a única heroicidade é resistir”.

Destinada tamén a un lectorado xuvenil, é unha novela moi acaída para a selección de lecturas sobre igualdade e coeducación, onde se nos fala de tecer redes de afectos, máis alá do xénero e que posibilitará a moitos mozos e mozas atopar referentes… novela espello mais tamén xanela ao mundo.”