Skip to main content
Actualidade

A Línea Verde das Pontes recibiu en seis meses 500 notificacións

Por 18 Setembro, 2018Sin comentarios

O servizo de participación cidadá do Concello de As Pontes, Línea Verde recibiu, durante os seis primeiros meses de funcionamento, un total de 500 notificacións relacionadas co equipamento urbano e os servizos públicos do municipio.

Desde a posta en marcha, o pasado mes de marzo, desta aplicación gratuíta de xestión municipal, deseñada para informar, de forma directa, ó goberno local sobre danos localizados na vila e así poder solventalos dunha forma máis áxil e en menor tempo, xa foron resoltos o 71% dos avisos, o 21 % está en proceso e o 8% restante corresponde a notificacións que no están tipificadas na aplicación e que deben ser comunicadas a través doutras canles administrativas.

O tipo de incidencias que máis se comunicaron foron as que fan referencia ó estado das beirarrúas, vías e sinalización (36%) seguido das comunicacións sobre incidencias en parques e xardíns (11%). As notificacións vinculadas á limpeza das rúas e ós residuos representan o 10% dos avisos mentres que os asuntos relacionados cos servizos de alumeado, de abastecemento e saneamento representan ó 9% das comunicacións realizadas polos veciños a través desta aplicación.

A tenente de alcalde, Montserrat García valora moi positivamente o primeiro semestre de funcionamento de Línea Verde xa que, nas súas palabras: “mostra, non só o compromiso do goberno local cos veciños senón tamén a implicación da veciñanza coa boa marcha do pobo, facéndonos partícipes, de forma directa, das súas inquedanzas e preocupacións, contribuíndo, a crear o pobo que todos queremos”.

Por este motivo, García anima a todos os veciños a seguir empregando o servizo de participación e colaboración cidadá para “axudarnos a axilizar e reducir os tempos de reacción, dándonos a coñecer aspectos de mellora dos que, de non ser pola súa colaboración, o goberno local non podería ter constancia e solucionalos, no menor tempo posible e de forma eficaz, para facer de As Pontes un pobo máis habitable, más accesible e no que a calidade de vida sexa unha prioridade”

Línea Verde

Para poder usar este servizo de xestión municipal é preciso descargar a APP Línea Verde. O usuario debe acceder a Google Play ou a APP Store, en función da tecnoloxía empregada no seu smartphone (Android / iOS), buscar a aplicación e, unha vez localizada, proceder a súa descarga (de balde). O usuario, a continuación, deber seleccionar o municipio sobre o que quere comunicar a incidencia e comezar un sinxelo proceso de comunicación.

Para comunicar o dano, basta con premer sobre o botón “Nueva incidencia”. Un menú coas diferentes tipoloxías de incidencias aparecerá na pantalla; o usuario selecciona aquela sobre a que quere facer unha comunicación e, de forma automática, a APP detectará as coordenadas exactas nas que se sitúa o dano. A continuación o usuario achegará unha foto da incidencia e un comentario sobre a mesma e premerá o botón de enviar.

Unha vez enviada a incidencia, persoal do Concello de As Pontes recibirá unha notificación do dano comunicado. A partir deste momento, inícianse os trámites para dar solución á incidencia detectada. O cidadán, á súa vez, recibe unha notificación no seu teléfono móbil cando se produza un cambio no estado da incidencia comunicada.