Skip to main content
Actualidade

A pontesa Sabela Ramil entra en ‘Operación Triunfo’

Por 20 Setembro, 2018Sin comentarios

A pontesa Sabela Ramil é unha das 16 candidatas para entrar na Academia de Operación Triunfo. Onte comezou a gala 0, que se emite na 1 de TVE.  Sabela foi a única galega da edición e demostrou o seu talento e a súa voz ante a artista Ana Torroja, Manuel Martos (produtor e director artístico de Universal Music e fillo de Raphael) e Joe Pérez-Orive (especialista en márketing e dereitos de autor) para intentar conseguir o pase á fase para a academia cantando ‘Bachata rosa’ de Juan Luis Guerra. Ao final da gala, despois de que o xurado elexira a 14 finalistas, Sabela foi salvada polos profesores da academia, os cales diciron que “cremos que a persoa que merece entrar e formarse con nos é Sabela”.

Sabela Ramil, de 24 anos e con raíces en Bravos (Ourol) pero criada nas Pontes, é unha moza con traxectoria artística. Ven dunha familia de músicos, ademais comezou a tocar a gaita con apenas seis anos. Tras isto iniciou estudos de clarinete nos conservatorios da súa localidade natal, de Ferrol e A Coruña.

É terapeuta ocupacional e musicoterapeuta. Esta última técnica axúdalle no seu traballo con persoas discapacitadas intelectualmente, enfermos mentais, persoas en risgo de exclusión social ou terapias con bebés.

A pontesa toma así o relevo ao plantel de galegos que participaron na anterior edición 2017 como Miriam Rodríguez (Pontedeume), Luis Cepeda (Ourense) e Roi Méndez (Santiago de Compostela).

Dende o concello pontés apoian a Sabela, cunha pancarta que instalaron na casa consistorial en vésperas da gala 0. Desde a mesma anímase aos veciños a descargar a aplicación oficial e votala.

TRAXECTORIA

Dende os 16 anos Sabela Ramil imparte clases en diferentes centros e a nivel particular a nenos e adultos. Todo isto, combinandoo coa súa carreira profesional como cantante e terapeuta. A relación de Ramil con Ourol non se limita tan só ao seu lugar de nacemento, senón que está implicada na asociación da localidade que organiza o Festival do Aturuxo, pois é integrante do colectivo cultural Aturuxeiros de Bravos.

Dende que era unha cativa, Sabela pasaba o tempo escoitando ao seu tío tocar a tuba e o saxofón, e sobre os 5 anos empezou a recibir clases de música tradicional de frauta e pandereta, para máis tarde, cando tivo idade para poder decidir, entrou no conservatorio onde fixo a súa formación como clarinetista durante case 10 anos. É unha rapaza a que recordan sempre cantando, ata que chegou ao grupo Muxarega con 16 anos, co cal descubriu que quería cantar ata os fins dos seus días, así que empezou a formarse con profesores de canto, principalmente con Rosa Cedrón. Tamén está moi ligada á música galega e folk, ademais de ser unha rapaza autodidacta, xa que pola súa conta estudaba outros estilos.

Fai case un ano o seu camiño cruzouse co de Mateo Brusquetas e formaron Bahut Dúo, e dende entón crean e compoñen a súa característica música, e atópanse na gravación do seu primeiro disco.  O nome tan peculiar que lle puxeron ao grupo nace das emocións e situacións que queren transmitirlle ao público, xa que Bahut significa baúl, e por iso mesmo levan un baúl aos seus concertos, para que o público deixe as súas mensaxes e opinións para eles. Así despois de cada concerto, len o que lles escribiron, e sírvelles para aprender e crear.