Skip to main content
ActualidadeVilalba

O Iescha organiza para o venres o Concerto da Cultura Chairega

Por 24 Setembro, 2018Sin comentarios

Como remate do programa confeccionado Mes da Cultura Chairega, na lembranza de Manuel María cando se cumplen catorce anos do seu pasamento, o Instituto de Estudos Chairegos organiza este Concerto da Cultura Chairega coa actuación estelar do grupo musical galego Os D’Abaixo. Este evento está financiado pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, dentro do convenio de colaboración asinado co Iescha para o ano 2018. Terá lugar o vindeiro venres, 28 de setembro, ás 21:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, con entrada libre e gratuíta.

Os d’Abaixo apareceron no ano 2010 co obxectivo de promover e animar bailes e festas tradicionais na contorna de Compostela. O seu repertorio recolle algunhas das pezas populares máis coñecidas da música galega xunto con novas achegas de fontes tradicionais ou de nova composición.

O que pretenden é ofrecer unha escolma de música cargada de forza e enerxía que leve ao baile e á foliada ao xeito de antes. Son un gupo no que se atopa xente que toca por afección e leva toda a vida vencellada ao folclore galego, xunto a músicos profesionais de gran traxectoria en bandas como Berrogüetto ou Fía na Roca.

Os d’Abaixo teñen tocado en diversas festas e festivais de Galiza e tamén fóra dela, en lugares como o Festival de Músicas do Mundo, (maio 2012, Etxarri-Aranaz-Navarra), o festival Le Grand Bal de l’Europe (xullo 2012, Gennetines-Francia), o Festival Intercéltico de Lorient (agosto 2013, Lorient-Bretaña), e o Calan Mai, a festa da primavera celta (maio de 2014, Cardiff-Gales).

Na primavera de 2014 edítase o primeiro disco do grupo “Ao vivo en Lorient”, que recolle 16 pezas gravadas nos concertos feitos en 2013 neste festival bretón. Na primavera de 2017 sae á luz o seu segundo disco “Quixera ser dos paxaros”, o primeiro gravado en estudo e no que se recollen unha maioría de temas inéditos para o folc galego, resultado dun gran traballo de investigación por parte de Xosé Ramón Vázquez, acordeonista do grupo.