Skip to main content
ActualidadeVilalba

As xuventudes socialistas de Vilalba organizan unha xincana histórica

Por 27 Setembro, 2018Sin comentarios

As Xuventudes Socialistas de Vilalba veñen de lanzar unha nova actividade para dinamizar e poñer en valor a riqueza patrimonial e cultural da localidade. Anunciada para a tarde do vindeiro 28 de setembro, poñerán en marcha unha “Xincana histórica” aberta para todas as persoas de máis de 14 anos que desexen participar “nunha iniciativa sobre a que levamos moito tempo traballando para achegar toda a riqueza e a historia que temos á veciñanza, especialmente á xente máis nova, dunha forma didáctica e divertida”.

A agrupación xuvenil dos socialistas pon en marcha esta xincana porque consideran “imprescindible coñecer o entorno que nos rodea, todo o patrimonio e historia que ten Vilalba e que, en termos xerais, descoñecemos por unha falta de vontade política á hora de propagar as nosas orixes e todo aquelo que conforma a nosa identidade”, subliña o secretario xeral da organización, Miguel González Montes.

Nesta ocasión, os equipos que participen, formados por 3 persoas, farán un percorrido pola zona urbana da vila, debendo superar unha serie de probas vinculadas “ao patrimonio que aínda conservamos, á tradición oral achegada por historiadores nados en Vilalba, aos lugares máis emblemáticos ou á simboloxía agochada nalgunhas zonas do casco antigo”. Segundo sinalan desde as Xuventudes, “tamén faremos mención a algunhas das figuras literarias que dan nome a rúas ou institucións vilalbesas”.

Tamén haberá condicións por parte da organización, como non empregar ningún vehículo para se desprazar ou levar o móvil para o seu uso durante as probas, ben sexa para a búsqueda de información ou o emprego da cámara para fotografías.

Finalmente, o equipo que primeiro remate todas as probas será o gañador, cun premio de 150 euros, debendo chegar todas as persoas do grupo xuntas ao punto final, na Praza da Santa María. Ademais, “teremos agasallos para os equipos participantes que rematen todas as probas”. Nesta ocasión, a actividade desenvolverase na zona urbana de Vilalba, pero “non descartamos facer outra xincana nalgunha das parroquias pola cantidade de patrimonio que divulgar, protexer e potenciar”, afirman.