Skip to main content
ActualidadeXermade

Pazo de San Marcos reúne pezas de torneiros internacionais elaboradas en Xermade

Por 3 Outubro, 2018Sin comentarios

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, inaugurou este martes “CONtornos”, a exposición de torneado de madeira, que a Deputación leva á Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos ata o 20 de novembro. A mostra reúne 48 pezas que profesionais de distintos puntos do mundo elaboraron nos Encontros Internacionais de Torneiros deste ano en Xermade. García Porto estivo acompañada polo Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, o e o comisario da mostra, Alfonso Franco Criado, entre outras autoridades.

García Porto destacou que “é un pracer colaborar co Concello de Xermade e cos mestres torneiros na difusión e promoción dos oficios tradicionais. Esta é unha aposta compartida polo pulo da nosa propia tradición e cultura para xerar riqueza. Quero pór en valor o traballo dos nosos artesáns. Sodes un exemplo de compromiso coa nosa identidade, así como de superación. Demostrades que a tradición e a innovación non están enfrontadas, senón que poden conxugarse perfectamente, sendo un valor engadido que impulsa a nosa economía”. 

CONtornos, organizada pola Deputación e Concello de Xermade, amosa na provincia de Lugo, unha corentena de pezas de madeira elaboradas por recoñecidos profesionais durante os “Encontros Internacionais de Torneiros de Madeira de 2018”. De seguido, a mostra irá a Ferrol e As Pontes. Os protagonistas de CONtornos son torneiros das 4 provincias galegas, así de distintos puntos de España, ademais de países como Francia, Portugal ou Reino Unido. 

Trátanse de recoñecidos profesionais de xeito internacional. Tamén participados afeccionados ao torneado que, dende o anonimato, axudan a que este oficio se recupere do esquecemento, propoñendo camiños de expresión novidosos e creativos.

Os relatores internacionais (Manuel Castro, Toni Porto, Elisabeth Meizieres e Rod Page) foron os responsable de escoller as pezas feitas nos encontros internacionais de torneiros para formar parte de CONtornos. Os resultados son sempre distintos e sorprendentes. A técnica do torneado consiste en labrar con diferentes ferramentas un anaco de madeira mentres está suxeito ao torno que o fai xirar.

CONtornos permanecerá aberta ao público ata o 28 de agosto na Sala de Exposicións da Deputación. A entrada é libre e totalmente gratuíta. O horario é de 9:00 a 21:00 horas.

 Encontros Internacionais de Torneiros

Os Encontros Internacionais de Torneiros naceron en 2001 na Aldea Artesán de A Fraga, no Concello de Xermade, coa intención de recuperar do esquecemento un oficio tradicional en Galicia, documentando as ferramentas, maquinaría, materias e técnicas de traballo para logo dalas a coñecer ao maior número de persoas posibles. Este evento sempre se celebra no municipio xermadés na segunda quincena do mes de setembro. Unha das finalidades didácticas que persegue é divulgar os valores do oficio, algo que está a ter resultados satisfactorios, pois o público asistente cada vez ten mais argumentos para diferenciar artesanía e industria. Durante catro días, reúnense profesionais e afeccionados para compartir sabedoría e experiencia, ao tempo que se achega ao público en xeral o mundo da tornearía.