Skip to main content
Actualidade

Continúan as reunións cos veciños das pontes nas Campeiras

Por 4 Outubro, 2018Sin comentarios

A concelleira de Participación Cidadá, Montserrat García, e o concelleiro de Facenda, Patrimonio, Urbanismo e Servizos, Antonio Alonso, proseguiron, esta semana, a rolda de reunións cos veciños das Pontes, para coñecer, polo miúdo, as súas necesidades e falar de urbanismo.

Onte, os membros do goberno municipal achegáronse ata a Asociación de Veciños das Campeiras para facer un repaso polas actuacións levadas acabo na zona, revisar os temas pendentes e avanzar os proxectos de futuro, entre os que se atopa, a renovación do parque infantil, a creación dunha rotonda no cruce da rúa Meidelo con Monte Caxado ou a mellora do cruce en Cobelos.

A continuación, o edil de urbanismo informou ós asistentes sobre os próximos pasos a dar na planificación urbanística do municipio. Avanzou que “nas próximas semanas, o Concello porá a disposición de todos os veciños a proposta inicial do PXOM para que poidan opinar sobre o documento, realizar propostas de mellora, suxerir cambios co obxectivo de lograr un planeamento urbanístico consensuado, que responda ó modelo de pobo que todos os ponteses queremos”.

Asemade, Alonso quixo remarcar que  “o documento inicial é un apuntamento do modelo de pobo que quere o Concello pero só marca as grandes liñas. Trátase dun documento vivo, aberto á participación dos veciños.”

Por outra banda, ante as diferentes preguntas dos asistentes sobre os solos urbanizables, o concelleiro aclarou que “foi a lei do solo da Xunta de Galicia, aprobada no ano 2016, a que transformou os solos urbanizables non delimitados en solo rústicos. O Concello, a través do novo PXOM proporá recalificalos, axustándonos o marco normativo vixente, para que volvan a ser urbanizables”