Skip to main content
Actualidade

Abre o prazo para o concurso de fotografía micolóxica das Pontes

Por 17 Outubro, 2018Sin comentarios

O Concello das Pontes abre o prazo para inscribirse no terceiro concurso de fotografía micolóxica, que se desenvolverá ó abeiro da XXIX Edición da Feira de Fungos e Cogomelos.

Nesta ocasión a temática do concurso xirará entorno ós fungos, os cogomelos e o seu hábitat e está aberto á participación de fotógrafos profesionais e afeccionados, maiores de 18 anos.

As persoas interesadas en participar poden presentar un máximo de tres imaxes, inéditas, orixinais e non premiadas noutros concursos, en papel fotográfico mate, cun formato 24X30, tanto en cor como en branco en negro e en formato JPEG, cunha resolución de 300ppp e un tamaño de 1600 píxeles no lado máis longo, sen marcas de auga ou logotipos.

Ambos formatos de envío son obrigatorios. No caso do envío en papel, as fotografías non poden levar soporte ríxido nin estar enmarcadas e deben presentarse, identificadas no dorso co seu título, nun sobre, grande e pechado, no que figure o título “Concurso de fotografía Micolóxica das Pontes 2018” e o enderezo de envío, sen o nome do participante no concurso.

Dentro deste sobre, é preciso incluír un sobre pequeno (un por cada fotografía presentada ó concurso) no que debe figurar, no exterior, o lema da instantánea e no interior, un documento cos datos do autor ou autora (nome, apelidos, nº de DNI, data de nacemento,enderezo, teléfono e mail). Neste documento, os participantes que o desexen poderán ampliar a información da imaxe incluíndo o nome da especie micolóxica fotografada e o lugar onde foi tomada a imaxe.

As fotos en papel deben presentarse no rexistro municipal, de luns a venres, de 09:00 a 13:30 horas ou envíalas por correo postal ó enderezo: Concello das Pontes. Parque Municipal s/n.15.320. As Pontes.

As fotografías en formato dixital, indicando o seu título, enviaranse ó enderezo cultura@aspontes.org.  En ambos casos, o prazo de entrega remata o 23 de outubro ás 13:00h.

Un xurado experto escollerá, entre todos os traballos presentados, tres fotografías gañadoras que recibirán un premio de 300 euros no caso da primeira imaxe clasificada, de 200 euros no caso da segunda imaxe premiada e de 100 euros para a terceira clasificada. As imaxes seleccionadas formarán parte da mostra fotográfica que se exporá durante a XXIX Feira de Fungos e Cogomelos.