Skip to main content
Actualidade

CC.OO. reivindica máis gasto social para erradicar a pobreza

Por 17 Outubro, 2018Sin comentarios

Ante o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza CCOO reivindica máis gasto social e traballo decente para erradicar a pobreza. Tras máis de dez anos de políticas antisociais, a poboación en risco de pobreza continúa en niveis elevados e sen visos de descender ás cifras acordadas por España no marco da Estratexia Europa 2020.

O Estado español comprometeuse a reducir no período 2010-2020 o número de persoas en risco de pobreza e exclusión social entre 1,4 e 1,5 millóns. Porén, a propia Comisión Europa no seu Informe sobre España 2018, recoñece que «con 2.040.000 de persoas en risco de pobreza ou exclusión social máis que en 2008, o obxectivo da Estratexia Europa 2020 aínda queda lonxe».

Máis da cuarta parte da poboación española (un 26,6 %) atópase nesta situación, de acordo co indicador europeo AROPE (At Risk of Poverty and/or Exclusion), e que mide anualmente o INE a través da Enquisa de Condicións de Vida. Aínda que o risco de pobreza diminuíu desde 2014, ano no que alcanzou o máximo do 29,2 % da poboación, continúa por riba dos niveis de 2008.

O indicador AROPE considera poboación en risco de pobreza ou exclusión social aquela que está nalgunha das seguintes situacións:

— Con ingresos inferiores ao limiar de pobreza (a chamada taxa de risco de pobreza), establecido en 2017 en 8522 euros ao ano.

— Con carencia material severa.

— Vivindo en fogares onde os ingresos por traballo son escasos ou nulos.

Se se centra a atención no primeiro compoñente, existen unha serie de variables que incrementan a taxa de risco de pobreza, algunhas das cales son o desemprego, as cargas familiares ou a nacionalidade estranxeira.

No que respecta á situación de desemprego, o 44,6 % das persoas desempregadas sitúase por baixo da taxa de risco de pobreza. Resulta especialmente rechamante a evolución desta porcentaxe, que aumentou case todos os anos desde 2008.

Por tipo de fogar, a presenza de nenos e nenas aumenta a taxa de risco de pobreza. O 24 % dos fogares con dúas persoas adultas e polo menos un neno está por baixo do limiar de pobreza. Esta cantidade dispárase ao 40,6 % nos fogares nos que un adulto —na súa maioría mulleres— convive cun ou máis nenos.

Se nos centramos na orixe, os datos demostran que a taxa de risco de pobreza da poboación estranxeira chega a triplicar a das persoas autóctonas, que é do 18 %. No caso das persoas de orixe estranxeira, a taxa sobe ao 39,2 % se proceden de países da UE, e ao 52,1 % se a súa orixe é extracomunitaria —sobre todo de África e da América Latina.

Por idades, os maiores aumentos nas taxas de risco de pobreza desde o inicio da crise en 2008 producíronse no grupo de 16 a 29 anos, ao incrementarse en 10,4 puntos, e naquelas persoas cunha idade comprendida entre os 45 e 64 anos (5,4 puntos máis). É dicir, o risco de pobreza aumentou sobre todo entre as persoas en idade de se incorporar por vez primeira ao mercado laboral e entre aquelas de maior idade que, froito da crise e das políticas aplicadas, perderon o seu emprego e non conseguiron retomar a súa actividade laboral cun emprego decente.

Situación en Galicia

A situación en Galicia non é moi diferente da do resto do Estado. Segundo os datos do INE, o índice de risco de pobreza en Galicia é do 18,7 %. Ademais, segue habendo grandes dificultades para chegar a fin de mes no 6,2 % dos fogares galegos e a pobreza enerxética é unha ameaza para o 6,8 % da poboación.

Parte da situación explícase polos baixos ingresos, que de media son en Galicia de 10.783 euros anuais, inferiores ao promedio estatal, que supera os 11.000. Con todo, en case 34.000 fogares galegos non entra ingreso ningún.

Ante esta situación, CCOO esixe incrementar os recursos destinados á renda de inserción (RISGA), pois malia a crueza dos datos, unicamente unhas 10.000 persoas perciben esta prestación.

Cómpre máis gasto social

Como xa se indicou hai 31 anos, o 17 de outubro de 1987, cando se celebrou por primeira vez este día internacional, a pobreza supón unha violación dos dereitos humanos. Sen gasto social, servizos públicos fortes e traballo decente vai ser imposible garantir unha vida digna a todas as persoas no noso país.

É por iso que CCOO insiste na necesidade de aumentar os ingresos familiares coa xeneralización dun salario mínimo en convenio de 14.000 euros anuais, a recuperación do poder adquisitivo das pensións e a actualización do IPREM, principal referencia da protección social de carácter asistencial.

CCOO tamén demanda a posta en marcha da prestación de ingresos mínimos recollida na ILP que os sindicatos maioritarios presentaron ao Congreso, avalada con 700.000 sinaturas, e a inmediata reversión dos efectos nocivos das reformas laborais e dos recortes sociais levados a cabo polos últimos gobernos.