Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PSOE de Vilalba acusa ao alcalde de ocultar información

Por 24 Outubro, 2018Sin comentarios

O Grupo Municipal Socialista sinala ao alcalde de Vilalba, Agustín Baamonde, como responsable do ocultar información á oposición “nunha manobra de engano incomprensible” na derradeira sesión plenaria. Así, a convocatoria da Comisión de asuntos do pleno, xuntanza na que se expoñen regularmente os temas a tratar previamente á celebración do mesmo, recollíase un recoñecemento extraxudicial de crédito “sen ningunha aclaración máis”. Na propia comisión, Baamonde explicou aos representantes dos diferentes grupos políticos a motivación deste punto, “cunha argumentación fargallada e pouco crible”, sen ofrecer copia do informe que estaba a explicar. Posteriormente, o rexedor vilalbés sacou da orde do día do último pleno este recoñecemento extraxudicial de crédito sen ningún tipo de explicación.

Este punto anulado para o debate plenario apuntaba “a unhas supostas pistas que nin o propio alcalde foi quen de afirmar se xa estaban rematadas ou aínda non, ou sequera se a súa tramitación respondía aos cauces legais oportunos”, aseverou o edil socialista Luis Fernández, polo que desde o Partido Socialista critican duramente que “nos intentaran colar unhas facturas que nin Baamonde, máximo responsable, sabe se son legais ou non”.

Ademais, censuran o descontrol do goberno dos populares “acrecentado desde o cambio de alcaldía, cun equipo que protagoniza unha degeneración democrática sen precedentes, ocultando informes, retractándose cunha opacidade impresentable e saltándose as súas obrigas sen ningún tipo de escrúpulo”. Finalmente, os socialistas aseguran que pedirán esta documentación “aparentemente desaparecida” polos métodos que corresponda, pois “non se oculta con tanto misterio un asunto que a priori non tería ningún problema ao ser analizado pola oposición”.