Skip to main content
Actualidade

Firmados os convenios para o programa Eu almorzo no cole das Pontes

Por 31 Outubro, 2018Sin comentarios

O Concelleiro de Réxime Interno e Recursos Humanos, José Alén, e representantes da ANPA Medoñas do CEIP A Fraga e Outo Eume do CEIP A Magdalena asinaron os convenios de colaboración polos que o goberno local asigna 29.800  euros o programa Eu almorzo no cole.

O colexio A Fraga recibirá unha achega de 17.500 euros mentres que A Magdalena percibirá 12.300 euros para sufragar os gastos de infraestrutura e equipamentos precisos para garantir o bo funcionamento do programa municipal.

Desde o Concello fan fincapé en que “debido ó número, cada vez máis alto, de pais e nais, que por incompatibilidades horarias, necesitan deixar ós seus fillos e fillas no colexio antes da xornada laboral, ó bo funcionamento do programa e á boa acollida do programa, tanto polos pais como polos menores, o goberno local decidiu incrementar, como ben facendo nos últimos anos, a contía do programa para tratar de dar resposta ás necesidades da veciñanza”

Durante este curso escolar serán 104 os rapaces que se beneficiarán deste programa. No colexio de A Fraga almorzarán, diariamente, 25 alumnos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, sete farano dúas veces ó mes e cinco accederán a este servizo en días soltos. No caso do CEIP A Magdalena o número de beneficiarios do programa Eu almorzo no cole ascende a 67, sendo 37 os nenos e nenas que o empregarán cada día mentres que os 30 usuarios restantes farano de xeito puntual, en días soltos.

Este programa promovido, desde hai 10 anos, pola Concellería de Benestar Social, ten como obxectivo prioritario axudar ás familias pontesas a compatibilizar a vida laboral e familiar ó tempo que promove hábitos saudables entre os rapaces beneficiarios, a través de propostas de almorzos baseadas no consumo de froitas, lácteos e cereais así como mediante actividades lúdicas complementarias orientadas a amosarlles, ós máis pequenos, os beneficios de almorzar, de incluír produtos saudables na súa dieta ou realizar exercicio.