Skip to main content
Actualidade

Terra Chá súmase á tradición do Samaín

Por 31 Outubro, 2018Sin comentarios

A antiga festividade céltica do Samaín foi habitualmente descrita como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, especialmente nas datas do 31 de outubro ao 1 de novembro, terían autorización para camiñar entre os vivos. Abríanse as portas entre este mundo para darlle á xente a posibilidade de reunirse cos seus antepasados mortos.

Os celtas celebraban co Samaín o fin do tempo das colleitas e o comezo do inverno. Dín que o Samaín era o momento no que as ánimas dos mortos retornaban ás súas casas para visitar os familiares aínda vivos. Nesta visita aproveitaban para buscar alimento e quentarse co lume da lareira, polo que era costume deixar o lume aceso nesta noite e nunca varrer a lareira para non afastar as ánimas.

Contan que polo Samaín era costume baleirar nabos de gran tamaño para porlles dentro candeas, e esta tradición, conservada en Irlanda, puido ser exportada aos Estados Unidos de América polos irlandeses coas migracións a este país. De ser así, a tradición tería continuidade nas festas de Halloween, do que sería o seu precedente, nunha adaptación do Samaín na cultura estadounidense, semellante a un Entroido, na que os nabos foron substituídos por grandes cabazas. Co paso do tempo, a influencia cultural estadounidense no resto do mundo conseguiu que o Halloween regresase a Europa para converterse nunha festividade que xera cada vez máis interese en Galicia.

Diversas aldeas en Galicia comezaron a recuperar as celebracións apoiadas pola recolleita de testemuños e documentos sobre as antigas tradicións locais asociadas ao Magosto. Mais non foi até a década de 1990, cando se comezou a celebrar esta festa en Galicia co nome Samaín, mantendo a denominación celta nas súas variantes samainsamaín ou samhain, do gaélico irlandés nas súas versións moderna (Samhain) ou antiga (samain). 

O profesor Rafael López Loureiro é o principal defensor da tese da galeguidade do Samaín. Para el, o costume sobreviviu en Galicia ata épocas relativamente recentes (polo menos ata hai uns 30 anos) en que esmoreceu para converterse, unicamente, nunha celebración do día de Defuntos. Segundo este investigador, a tradición esténdese por toda a antiga xeografía céltica europea. En España, está presente en localidades rurais de toda a metade norte: Asturias, Aragón, Cantabria, Castela e León ou Madrid.

Xoán Xosé Pérez Labaca tamén defende a persistencia do Samaín en Galicia, e escribe que “aquí era fai uns anos, nalgúns sitios aínda é, moi habitual polas vésperas do Día de Defuntos coller cabazas e facer con elas caras aterradoras cuns ollos e unha nariz abertos e colocando uns pauciños, como dentes, na feroz boca aberta, ás que se lle poñía dentro acendido un cabo dunha vela”. Estas cabazas iluminadas colocábanse sobre os valados ou nas encrucilladas, para asustar os camiñantes.

Por que nos disfrazamos por Samaín ou Halloween? Buscando nas bibliotecas, os expertos do tema explican que outrora tamén se facía o mesmo. A diferenza, é que por entón as peles e as cabezas de animais eran os traxes de moda. Lonxe do carácter festivo de hoxe en día, por aquel entón o ánimo non era outro que o de espantar a hadas e espíritos malignos.

É indiscutible a relación especial que se mantén en Galicia coa morte. A Santa Compaña é o exemplo máis icónico desa comuñón. Pasados os séculos a festividad celta de Ano Novo é agora unha festa chea de diversión e unha escusa máis para pasalo ben ou mal, segundo véxase.