Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Os sindicatos afirman que Medio Rural mandará á rúa a máis de mil traballadores

Por 5 Novembro, 2018Sin comentarios

CIG, CCOO, CSIF e UGT afirman que nos próximos días a Consellaría do Medio Rural ten previsto comezar o “desmantelamento” do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais de Xunta de Galicia. Deste xeito, irán á rúa 436 empregados e empregadas públicas, con contratos precarios fixo-descontinuos que remataron o seu período de actividade o pasado 31 de outubro, mentres que o 30 de novembro a medida afectará a outros 610.

“O desmantelamento acometido pola Consellaría que dirixe José González Vázquez implica unha redución de máis do 50% dos efectivos dispoñibles na prevención e extinción de incendios forestais. En concreto, más de mil bombeiros forestais, vixilantes, emisoristas e operadores irán ao paro entre o 31 de outubro e o 30 de novembro”, din.

“Os catro sindicatos consideramos irresponsable esta redución dos efectivos dispoñibles, só un ano despois da vaga de lumes que sufriu Galicia no ano 2017 e que, en poucos días, queimou miles de hectáreas. Incendios de outono ou primavera, e incluso inverno, que non son un fenómeno illado, pois temos como exemplo o acontecido en outubro de 2011 e marzo do 2012, que en condicións adversas se poden converter en lumes descontrolados”, conclúen.

Concentración o 30 de novembro

CIG, CCOO, CSIF e UGT queren “rematar coa precariedade laboral que sofre unha gran parte do SPDCIF. Esiximos un redimensionamento do número de efectivos para garantir a prestación efectiva de servizos durante todo o ano, para o que cómpre que traballen todos os efectivos. Con este motivo convocamos a todos os traballadores e traballadoras as do SPDCIF a concentrase diante da Consellaría do Medio Rural o vindeiro 30 de novembro, ás 11 horas”, engaden.

“CIG, CCOO, CSIF e UGT insistimos na urxente necesidade dun cambio de modelo no dispositivo do SPDCIF, apostando por un servizo 100% público, prestado directamente pola Administración, sen intermediarios. É necesario que o 100% das contratacións do operativo se realicen directamente a través das listas de contratación, ao abeiro do decreto que regula o procedemento na Administración autonómica”, din.

Asemade, esixen a recuperación dos dereitos laborais “roubados coa escusa da crise económica” e rematar coa precariedade laboral a través dunha oferta de emprego crible e real. “Cómpre lembrar que as taxas de interinidade superan, nalgún caso, o 70%”, finalizan dicindo.