Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Os Vilares denuncia a desaparición do cruceiro do Rego Pequeno

Por 13 Novembro, 2018Sin comentarios

Desapareceu definitivamente o cruceiro do Rego Pequeno que estaba sobre un muro ao pé dun camiño situado na parroquia dos Vilares (A Ribeira), segundo denuncian os representantes da asociación Os Vilares, Lareira de Soños.

Este elemento arquitectónico tiña unha base cúbica con fuste monolítico de sección cuadrangular. O capitel era de forma cúbica, e a cruz, cuadrangular, sen efixies. A peza xa non estaba enteira porque, unha máquina municipal que desbrozaba na zona na época en que era alcaldesa María José Vázquez Lorenzo (PP) deixou  destrozado parte do capitel e a cruz, pezas das que nunca máis se soubo.

Agora, desapareceu tamén a base e o fuste. Unha comprobación realizada por Lareira de soños conxuntamente con Cruceiros de Galicia, alertou dunha posible sustracción.

Os membros desta asociación cultural afirman que “se trata doutra perda para o patrimonio dos Vilares que ve os frescos da igrexa en serio risco de desaparición, o Calvario das Reixas sen reparar despois de 19 meses e o estado xeral do patrimonio etnográfico en situación de abandono e falto de limpeza e sinalización ao igual que o arqueolóxico”.

Engaden que “resulta preocupante o expolio destas pezas, moitas veces con coñecemento dos veciños, que se negan a denunciar para evitar problemas, pero moito máis cando son as propias administracións as que pola súa desidia facilitan a desprotección do patrimonio histórico”.