Skip to main content
Actualidade

A Casa Museo de Manuel María acolle un concerto de Raiceira

Por 15 Novembro, 2018Sin comentarios

Este sábado, 17 de novembro, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María e con entrada de balde, poderá desfrutarse da música do grupo lucense Raiceira, que reinterpretarán melodías populares extraídas da tradición oral galega.

Sabela Vázquez e Carme López conforman Raiceira desde comezos deste mesmo ano, proxecto que procura acadar un son particular e diferente, onde se mestura unha parte máis tradicional, enmarcada na voz e as percusións de man, con outra máis afastada do popular, resultado das harmonías que o violonchelo achega. Desde unha presentación tradicional, que pretende reflectir en certa medida as características musicais propias de cada un dos lugares de onde proveñen as pezas, ofrecen unha revisión da tradición a través da mestura de diferentes estilos e aprendizaxes.

Detrás dos temas que interpreta Raiceira tamén aparecen ideas extramusicais que envolven o seu traballo. Primeiramente a feminidade propia de todas as pezas, xa que foron as mulleres as encargadas durante largo tempo de aprender e transmitir estas melodías, de modo que a súa impronta está indiscutibelmente presente nestas músicas. Tamén a importancia da cultura tradicional e popular da nosa terra, en especial a música, na cal reflíctense diversos elementos da nosa sociedade, tanto a antiga, onde se xeraron as melodías orixinais, como a contemporánea, debido á súa interpretación actual.