Skip to main content
Actualidade

A Ministra garante a continuidade da central térmica das Pontes

Por 20 Novembro, 2018Sin comentarios

O Goberno de España garante a continuidade da central térmica das Pontes. Esta foi a principal conclusión da reunión que  mantiveron, na sede do Ministerio de Transición Ecolóxica, a ministra, Teresa Ribera, e o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso.

Así o confirmou o rexedor pontés á saída dunha reunión que cualificou como “produtiva e tranquilizadora”, na que Ribera lle trasladou o compromiso do Goberno de España de que as centrais térmicas que cumpran coas normativas medioambientais europeas seguirán en funcionamento.

González Formoso aclarou que na planta de Endesa nas Pontes, a compañía está acometendo un investimento sen precedentes de 220 millóns de euros para reducir de forma drástica as súas emisións e adaptarse ás esixencias da lexislación europea.

“A mensaxe de tranquilidade que me transmite a ministra é absoluta. Precisamente As Pontes é o exemplo das centrais térmicas que neste país van a facer os seus deberes e a propia empresa está facendo unha inversión multimillonaria para cumprir coa normativa europea de emisións”, afirmou González Formoso, que detallou que esta importante transformación é para adaptarse non só á normativa que entra en vigor en xaneiro de 2020, senón á normativa que xa prepara a UE para para as vindeiras décadas. “Mentres as centrais térmicas cumpran a normativa europea terán futuro”, afirmou o alcalde.

Pola súa banda, o presidente do comité de empresa da factoría pontesa, Luis Varela, que acompañou a González Formoso nesta reunión, apuntou que “ímonos coa sensación de que podemos estar tranquilos porque a empresa está facendo os deberes no noso centro”.