Skip to main content
Actualidade

Aprobados os orzamentos da Deputación para 2019, que ascenden a 88,4 millóns de euros

Por 27 Novembro, 2018Decembro 16th, 2018Sin comentarios

O Pleno aprobou este martes a proposta de Orzamento da Deputación para 2019, que presentou á sesión plenaria o Presidente, Darío Campos Conde, como responsable da mesma. Fíxoo cos votos a favor dos Deputados do Goberno Provincial do PSOE, coa abstención do PP e cos votos en contra do BNG e Deputado non adscrito. O Presuposto conta con 88,4 millóns de euros, dos cales o 55%, que representan 48,6 millóns, son para investimentos nos 67 los e para os 330.000 veciños da provincia.

Á proposta de Presuposto de Campos Conde engadíronse dúas das emendas presentadas polos grupos da oposición ao non supoñer modificacións orzamentarias. Trátanse de emendas presentadas e modificadas posteriormente polo PP en base aos criterios establecidos polo Presidente. Consisten en recoller no Orzamento a posibilidade de que os concellos elixan o modelo de xestión do centro de maiores que constrúe o organismo provincial no seu municipio, -pois o Presidente sempre defendeu e defende a autonomía municipal-, e que este se axuste ao marco legal.

Na proposta de Orzamento de Campos Conde xa se contemplaban 4 millóns para as obras de construción de residencias en concellos, dos que 200.000 euros son para un centro de maiores en Cervantes e outros 500.000 en Pantón. Son os dous de nova construcións, pois os restantes fondos son para as xa previstas: Becerreá, Portomarín, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Guitiriz e A Pontenova. Coa emenda do PP, o orzamento recolle o nome de todos os concellos onde se proxectan residencias.

As restantes emendas rexeitáronse ao supor cambios orzamentarios ou ao dotalas con fondos procedentes de remanentes de tesourería de 2018. Estes non se coñecerán ata que remate o actual exercicio orzamentario, que coma todos os anos acontece en febreiro. Na proposta de Orzamento de Campos Conde, o Presidente xa compromete que cando menos o 70% dos remanentes sexan para o Plan Único co obxectivo de que esta programación conte cun mínimo de 20 millóns. Todo isto imposibilita a aprobación das emendas referidas a remanentes.

“A formiga que realmente traballa e inviste na provincia”
Ao inicio da sesión plenaria, Campos Conde subliñou que “agardo que se aprobe o orzamento, pois destinamos o 55% dos fondos, case 50 millóns de euros -48,6 exactamente- a investimentos para todos os veciños e en todos os concellos. Espero que os grupos políticos teñan altura de miras pola enorme importancia que este presuposto ten para a provincia. Somos esa formiga, á que fan alusión, que traballa todos os días para sacar adiante proxectos. Somos os que realmente investimos na provincia. Sen o presuposto da Deputación a provincia estaría huérfana”. O Presidente lembrou durante estes 3 últimos anos e a espera de rematar coa execución do presuposto de 2018, a suma de investimentos do organismo provincial nos 67 municipios e para os máis de 330.000 veciños superan os 220 millóns de euros.

Orzamento 2019
O orzamento consolidado da Deputación ascende aos 88,4 millóns de euros. Aumenta en 4,7 millóns con respecto ao ano pasado debido aos ingresos do Estado pola participación nos tributos. Inclúe 11 millóns para o Plan Único e comprométense cando menos o 70% dos remanentes de tesourería de 2018 para que esta programación acada un mínimo de 21 millóns de euros. Contempla unha amortización de débeda de 172.468 euros debido ao pago do crédito de 15 millóns de euros, que se executan en obras de mellora de estradas provinciais nos 67 concellos da provincia.

Emprego
Incorpora 4,4 millóns para continuar coa execución do Ben Empregado IV, DepuEmprego II, Tecendo Emprego, Primeira Oportunidade e Emprendendo no Rural e 5,4 millóns para novas programacións en impulso do emprego na provincia. Destínanse partidas de 590.000 e 140.000 euros para a Granxa Experimental do Campus Terra e outra de 200.000 para novas actividades que potencien a agricultura, gandeiría e a pesca.

Educación pública
Incrementase ata os case 500.000 euros os fondos destinados a medidas e actividades en impulso do Campus de Lugo a través do Plan de Choque. Destínanse a maiores 210.000 euros ao Rof Codina e á facultade de Relacións Laborais; e uns 340.000 euros á actividade da UNED. Son 1,6 millóns para a Escola de Imaxe e Son, a única pública na provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual, mantendo a matrícula gratuíta a non repetidores. No apartado de subvencións nominativas, inclúense axudas por valor de case 100.000 euros para o desenvolvemento de distintas actividades e proxectos educativos na provincia en colaboración con distintas colectivos.

10 millóns para benestar, 4 máis que no 2018
Os fondos para benestar acadan os 10 millóns de euros, aumentando en 4 millóns con respecto ao ano pasado. Do total, 4,3 millóns son para as residencia de Becerreá, Folgoso do Courel, Portomarín, Guitiriz, Pantón, Pobra de Brollón, A Pontenova e Cervantes. Outros 2 millóns son para financiar o funcionamento e as prazas dos centros de maiores que abran ao longo de 2019. Achéganse máis de 500.000 euros á Teleasistencia gratuíta a 1.600 maiores da provincia e 1,2 millóns -que chegarán aos 1,5 con remanentes- para financiar o Servizo a Domicilio a non dependentes, que hoxe reciben outros 2.300 maiores.

17,6 millóns para estradas e dotacións municipais
Hai 8,2 millóns para novas obras de mellora nas estradas provinciais; uns 4 millóns procedentes do crédito solicitado para este mesmo fin; unha primeira achega de 4,2 millóns –que se incrementará con remanentes para o Plan Único- para melloras en dotacións públicas municipais a través do antes denominado POS; e 1,3 millóns para novos servizos no rural.

Outros proxectos
Destínanse un total de 800.000 euros á rehabilitación do Mirador de Mondoñedo, da Casona do Incio e á dotación dunha tirolina na Ribeira Sacra. Outros 140.000 euros son para a construción dun rocódromo na capital e 200.000 para a posta en macha do pavillón e piscina de Monterroso. Achéganse 4,1 ao impulso do deporte e 5,4 ao turismo, cultura, artesanía e deseño.