Os mananciais de Guitiriz, distinguidos na guía termal do Eixo Atlántico

O deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, participou na reunión do Foro Termal do Eixo Atlántico, co fin de perfilar os últimos detalles para a publicación dunha guía do termalismo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, coa que colabora a Deputación.

O Balenario Oca Río Pambre (Palas de Rei), Augas Santas (Pantón), así como os mananciais de San Juan de Lagostelle, ou Pardiñas de Guitiriz, e o de Valdomín, ambos os dous en Guitiriz, son algúns dos recursos termais da provincia que figurarán no texto de promoción do territorio, co fin de impulsar a promoción termal das 34 cidades que conforman o Eixo Atlántico.

Vidal Baamonde subliñou que “dado o alto potencial turístico da auga, é importante que a provincia de Lugo figure nesta promoción conxunta de destinos termais. Lugo ocupa un lugar privilexiado polo seu patrimonio termal e tamén pola súa longa traxectoria histórica dos usos termais da auga, que se remontan á romanización”.

Lugo Termal

O Goberno da Deputación dentro da clara aposta polo impulso do benestar na provincia e aproveitando os recursos termais existentes en Lugo, ofrece por 8º ano consecutivo o Lugo Termal, o programa de promoción do turismo mineromedicinal lucense. Debido ao grande interese que esperta entre os veciños máis maiores, na convocatoria deste ano, o Executivo decidiu duplicar as prazas desta programación, ofrecendo case 1.200. Cómpre lembrar que, dende a posta en marcha do Lugo Termal,  son máis de 5.000 persoas as que se recibiron descontos de máis de 60 euros da Deputación para desfrutar de terapias mineromedicinais nos establecementos da provincia.

Etiquetas